Iugoslavia

Iugoslavia

Estado histórico da Europa que comprendía as repúblicas de Eslovenia, Croacia, Serbia, Bosnia-Herzegovina, Montenegro e Macedonia, e as provincias autónomas de Vojvodina e Kosovo. Constituíuse o 1 de decembro de 1918, co nome de Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos e agrupou aos eslavos do sur. Despois da promulgación da Constitución de Vidovdan (28.6.1921), a hexemonía dos serbios manifestouse con claridade e espertou a resistencia das outras nacionalidades do reino. Durante a ditadura do Rei Alexandre I (1929-1931) substituíse o nome oficial do estado polo de Iugoslavia, mentres os secesionistas croatas radicalizaron a súa postura e organizaron grupos terroristas. Despois do asasinato de Alexandre I e do ministro Barthou (1934) polos croatas, o goberno do rexente buscou apoio nos gobernos fascistas de Hitler e Mussolini e adheriuse ao Pacto Tripartito en 1941, pero foi invadido por Alemaña ese mesmo ano. A resistencia contra os invasores organizouse ao redor de grupos de militares monárquicos e do exército de partisanos formado polo líder comunista, Tito. Liberada polos soviéticos en outubro de 1944, constituíuse en República Federal Popular (1946) baixo a dirección da Liga Comunista de Iugoslavia. A defensa dunha vía particular dentro do comunismo separouna da URSS (1948) e reforzou as súas relacións con Occidente. As tensións nacionais permaneceron aletargadas pola favorable conxuntura económica e a dirección política ata o período 1971-1972. Trala morte de Tito (1980), e nun contexto de crise económica, as diversas repúblicas amosaron as súas diferencias. A modificación das constitucións de Eslovenia (1989), Croacia e Macedonia (1990) para establecer un réxime democrático e recoñecer o dereito á autodeterminación provocou un aumento da tensión. En 1990 a vitoria dos partidos independentistas en Croacia e Eslovenia, e dos nacionalistas nas repúblicas de Bosnia-Herzegovina, Macedonia e Serbia, provocou a fractura. O 25 de xuño de 1991 Eslovenia e Croacia proclamaron a súa independencia, seguidas de Bosnia-Herzegovina en outubro e Macedonia en novembro. O goberno serbio reaccionou atacando as antigas repúblicas en xuño de 1991 e despois duns breves combates en Eslovenia, a guerra desprazouse cara a Croacia. A comunidade internacional recoñeceu a soberanía dos novos estados balcánicos a comezos de 1992, mentres que Serbia e Montenegro constituíron a República Federal de Iugoslavia en abril dese ano. En marzo de 2002, Serbia e Montenegro chegaron a un acordo para converterse en dous estados semiindependentes que adquiriu caracter oficial trala ratificación parlamentaria o 5 de febreiro de 2003, e marcou a desaparición da República Federal de Iugoslavia, substituída polas repúblicas de Serbia e Montenegro.

Palabras veciñas

Itzcoatl | iuca | iudex* | Iugoslavia | iugoslavo -va | Iuliobriga | IUPAC