Kant, Immanuel

Kant, Immanuel

Filósofo alemán. Pasou toda a vida na súa cidade natal, onde estudiou e foi catedrático na súa universidade. Atraído pola teoloxía, a matemática e a física de Newton, na súa primeira época (1747-1770) dedicouse aos problemas das ciencias, en relación cos sistemas de Leibniz e Wolff, e elaborou unha teoría sobre a orixe do sistema solar, a teoría de Kant-Laplace. A disertación De mundi sensibilis atque intelligibilis forma et principiis (1770) puxo fin a este período e iniciou unha nova etapa, que se estendeu ata 1780, caracterizada pola ausencia de publicacións. En 1781 iniciouse o período crítico, no que elaborou o seu sistema, o idealismo transcendental, que expuso nas súas obras principais: Kritik der reinen Vernunft (Crítica da razón pura, 1781 e 1787), Prolegomena zu einer jeden künftigen Metaphysik (Prolegómenos a calquera metafísica futura, 1783), Kritik der praktischen Vernunft (Crítica da razón práctica, 1788), Kritik der Urteilskraft (Crítica do xuízo, 1790), Die Religion innerhalb der blossen Vernunft (A relixión nos límites da simple razón, 1794), Anthropologie in pragmatischer Hinsicht abgefasst (Antropoloxía desde o punto de vista pragmático, 1798) e Opus postumum (1796-1803). Máximo expoñente da Ilustración, preguntouse por qué a filosofía, entendida como metafísica, non empregara o “camiño seguro dunha verdadeira ciencia”. A resposta nesta dirección constitúe o contido da Kritik der reinen Vernunft, onde se determinan a natureza e os límites do coñecemento humano, que se concibe como a asimilación polo suxeito dunha materia recibida mediante unhas formas a priori: as intuicións puras de espazo e de tempo, no nivel da sensibilidade externa e interna, respectivamente, e as categorías, no nivel do entendemento; esta asimilación cristalizou na síntese propia dos “xuízos da experiencia”, universais e necesarios, pero insuperablemente relativos nos fenómenos -as cousas tal e como aparecen no suxeito, e non no nóumeno -a realidade nela mesma-. A metafísica, entón, é unha ilusión “natural e inevitable”, pero imposible de satisfacer. Ao facer na Kritik der praktischen Vernunft o exame das condicións a priori do feito moral, despois de descubrir o carácter categórico-imperativo, autónomo e formal da lei moral, puxo en evidencia os “postulados” nos que esta descansa: liberdade, inmortalidade da alma e existencia dun Deus. O home aparece como un “cidadán de dous mundos”: o fenoménico-determinista da “natureza” e o nouménico-espiritual da “liberdade”, no que os homes forman o superior reino dos fins. Na Kritik der Urteilskraft, tratou de harmonizar os resultados das críticas anteriores, facendo unha reflexión sobre a finalidade na natureza e sobre o mundo estético. Coroou esta concepción do home en Die Religion innerhalb der blossen Vernunft.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Königsberg, actual Kaliningrad

  • Deceso