jazz*

jazz*
s m [MÚS]

ariedade de música popular estadounidense. Apareceu, a principios do s XX, principalmente na área de New Orleans, pero desenvolveuse simultaneamente noutros puntos de EE UU. As súas orixes son escuras, e cómpre atribuírllas á intervención de elementos de folclore africano, música relixiosa, música de baile de tabernas e clubs, música militar e elementos clásicos europeos (sobre todo polo que se refire aos instrumentos empregados) e, dun xeito directo, aos seus antecedentes, o minstrel show, o ragtime e, sobre todo, o blues. A instrumentación era variable e a improvisación moi frecuente. Cómpre situar esta etapa de formación e evolución entre 1900 e 1917, e tivo como figuras destacadas a Buddy Bolden (1875?-1931) e Scott Joplin (1868-1917). Non se adquiriu consciencia do jazz como unha entidade independente ata os anos 1912-1914, e non se popularizou o nome ata a aparición da Original Dixieland Jazz Band de Nick La Rocca, que en 1917 gravou os primeiros discos. Estes, xunto coa radio, contribuíron poderosamente ao progreso do jazz e á súa expansión polos EE UU e tamén por Europa (a través de Francia, sobre todo). Nesta época de transición destacaron especialmente Fletcher Henderson (1898-1952), Paul Whiteman (1890-1967) e Joe King Oliver (1885-1938). De Chicago xurdiu, desde o ano 1925, principalmente por influencia de Louis Armstrong, o chamado hot jazz, de ritmo máis pronunciado e melodías menos cantables. Ao final da década de 1920 Duke Ellington creou un novo estilo rítmico moi delicado. A expansión do jazz na década de 1920 culminou coa aparición do cine sonoro (precisamente co filme O cantante de jazz, 1927); esta xeneralización e a multiplicidade de intérpretes fixo que moitos considerasen as novas formas case como espurias. Isto non impediu o éxito de intérpretes como Count Basie, Bix Beiderbecke, Jimmy Dorsey, Tommy Dorsey, Lionel Hampton, Benny Goodman, Gene Krupa, Woody Herman, Glenn Miller, Ben Pollack, Chick Webb, Ben Nichols e outros moitos. Unha forma bailable, o swing, acadou un éxito fulminante. Na década de 1940 produciuse a aparición da tendencia bop (na que destacou Dizzy Gillespie, entre outros), as súas derivadas como o cool (con figuras como Stan Getz, Charlie Parker e Miles Davis) e o progressive jazz (con Thelonious Monk, Stan Kenton, Jerry Mulligan, Gil Evans e o Modern Jazz Quartet). Ao inicio da década de 1960 destacaron os intentos reformistas de Ornette Coleman e, posteriormente, a aparición do free jazz. Desde mediados da década de 1970 asistiuse á coexistencia de diferentes correntes que se influíron entre elas. Dos seguidores dunha liña bop máis ortodoxa destacaron os saxofonistas D. Gordon, P. Woods, o pianista R. Bryant, o guitarrista K. Burrell e o batería A. Blakey. Sobresaíu tamén unha corrente especialmente interesante na exploración das orixes africanas do jazz, onde destacaron E. Jones (batería) e o pianista R. Weston. No ámbito do free jazz consolidáronse os seus pioneiros máis destacados, como C. Taylor, P. Bley, O. Coleman, o poliinstrumentista S. Rivers, a orquestra de Sun Ra, o trompetista L. Bowie e, máis recentemente, o núcleo de músicos xurdidos arredor da Association for the Advancement of Creative Musicians (AACM), de Chicago. Na década de 1980 destacaron na vangarda do jazz o pianista A. Davis e o frautista J. Newton e, nunha fórmula de transición entre o bop e o free, o cuarteto de G. Adams e D. Pullen. A principios da década de 1960 apareceu o jazz-rock, que, dentro do xénero jazzístico, é a variante que acadou unha maior difusión comercial. Despois dunha primeira etapa caracterizada pola grande influencia de M. Davis, que foi o iniciador, na década de 1980 xurdiron novos intérpretes, como J. B. Ulmer e R. S. Jackson, que deron a coñecer novos conceptos. Dos cantantes destacaron S. Vaughan, M. Allison, R. Charles, Carmen Mc Rae, Bobby Mc Ferrin, J. Hendricks e K. Krog. A música de jazz influíu notablemente na música occidental do s XX (Debussy, Milhaud, Křenek, Weill, Stravinskij). Desde finais da década de 1980 definíronse, a grandes trazos, dúas tendencias: a tendencia á dispersión, é dicir, a afastarse das raíces africanas para achegarse a outras de vangarda (fusion music); e a tendencia contraria, é dicir, a que pretende recuperar os estilos entroncados coa tradición musical negra americana. A primeira tendencia tivo en M. Davis un dos principais impulsores. Nas diversas facetas que integran esta tendencia destacaron, na variante do jazz-rock, a Chick Corea (teclados), Pat Metheny (guitarra), Grover Washington Jr. (saxo), e os grupos Spyro Gyra e Steps Ahead. Dentro da segunda tendencia tamén hai diversas variantes. En New Orleans xurdiron músicos e orquestras que recuperaron o estilo orixinal da cidade, como a Dirty Dozen Brass Band, e os solistas Wendell Brunious (trompeta) e Michael White (clarinete).