Jiménez Aleixandre, María del Pilar

Jiménez Aleixandre, María del Pilar

Escritora. Coñecida coma Marilar Aleixandre, é profesora de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. Vinculada ao movemento feminista, participou na creación da Asociación Galega da Muller e encabezou a lista do Movemento Comunista de Galicia nas primeiras eleccións municipais (1979). Participou nos movementos de renovación pedagóxica e pertence ao colectivo poético do Batallón Literario da Costa da Morte. Colaboradora de numerosas revistas, é coautora dos primeiros libros de ciencias en galego Xilbarbeira (1981), Setestrelo 1 (1988) e Setestrelo 3 (1989); tamén é coautora de diversas publicacións de didáctica das ciencias, dun vocabulario de ciencias naturais e autora de Dubidar para Aprender (1997). En canto á súa produción literaria, no apartado infantil e xuvenil publicou A formiga coxa (1989), O rescate do peneireiro (1990), Nogard (1994), A expedición do Pacífico (Premio Merlín 1994 e Premio da Crítica 1995), O Trasno de Alqueidón (Premio Rañolas 1996) e Basilisa, a princesa sapiño (2002). No eido da narrativa publicou Tránsito dos gramáticos (finalista do Premio Xerais de novela 1992); Lobos nas illas (1996); Desaforados Muños (Premio Manuel Murguía de Narración Breve 1997), A Compañía Clandestina de contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa 1998) e Unha presa de terra (2001). Realizou tamén a tradución de A caza do Carbairán (1996), de L. Carroll. Recibiu, entre outros galardóns, o Premio de Investigación Educativa do Ministerio de Educación pola súa tese sobre a aprendizaxe da selección natural (1991), o Premio de Investigación da Xunta de Galicia en Ciencias Sociais (1996) e o Premio Esquío de Poesía (1998) por Catálogo de Velenos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid