Jiménez de Cisneros, Francisco
Eclesiástico e político. Formouse en Salamanca e Roma e, ao regresar a España, foi arcipreste de Uceda e recibiu a capelanía da catedral de Sigüenza en 1480. En 1484 ingresou no convento de franciscanos de Toledo, onde cambiou o seu nome, Gonzalo, polo de Francisco. Confesor desde 1492 de Isabel I a Católica, provincial dos franciscanos (1494) e arcebispo de Toledo desde 1495, impulsou a tarefa reformista para restablecer a pureza da orde de san Francisco e das ordes mendicantes e para frear as inmunidades e os privilexios do clero secular. En 1499 trasladouse a Granada, onde emprendeu unha política de conversión rápida dos mudéxares, que contribuíu a desencadear unha guerra de guerrillas en Las Alpujarras. Ao morrer a raíña (1504), converteuse na personalidade clave e moderadora nas desavinzas entre Fernando I o Católico e Filipe II de Aragón o Fermoso; ao finar este prematuramente (1506), como membro da rexencia, apurou a volta de Italia de Fernando I o Católico como rexente de Castela, feito que lle valeu o capelo de cardeal, outorgado polo papa (1507). Colaborou co rei na política de conquistas no N de África, entre outras, Mazalquivir e Orán (1507-1509). Á morte de Fernando I o Católico (1516), fíxose cargo da rexencia dos reinos de Castela. Durante o seu goberno sufocou as revoltas da nobreza castelá e dos flamengos, tentou crear unha milicia urbana, denominada “xente de ordenanza”, impediu a anexión de Navarra polo Rei Francisco I de Francia e fixo fronte ás presións dos berberiscos do N de África. Levou a cabo unha grande actividade cultural coa fundación da Universidad de Alcalá de Henares (1508) e a preparación da Biblia Políglota Complutense (1517).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Torrelaguna, Madrid -
Deceso
Lugar : Roa, Burgos