Johan Lobeira

Johan Lobeira

Trobador portugués, fillo do nobre Pero Soarez de Alvim e dunha dama galega, probablemente de Lobeira, na Baixa Limia; daquela, medio irmán do trobador Martin Perez Alvin e sobriño de Men Soarez de Melo, conselleiro de Afonso II. Activo entre 1258 e 1304, viviu na corte de Afonso II desde 1261 e despois na de don Denís, onde se relacionou con outros trobadores cortesáns, como Fernan Fernandez Cogominho, Johan Perez d’Aboim e Johan Soarez Coelho. Consérvanse da súa autoría 5 cantigas de amor (unha dialogada), transmitidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa -non no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana por mor da súa acefalia- e un escarnio persoal conservado en ambos, todos rexistrados pola Tavola Colocciana. A ausencia do xénero de amigo pode deberse ao ton abstrato e intelectual do corpus deste autor. Así, o escarnio -retrato moral dun cabaleiro, que esconde unha crítica sutil e medida da corte e dos seus vicios- destaca pola súa singularidade no corpus lírico galego medieval; comeza cun exordio-declaratio, propio da lírica provenzal, e estrutúrase nun compacto sistema rítmico unisonante con xogos de contarios, aliteracións, etc. En canto ás cantigas de amor, só uns refinados xogos retóricos as fan destacar da convencionalidade.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : XIV