Johan Perez d’Aboim

Johan Perez d’Aboim

Trobador pertencente á nobreza portuguesa, fillo de Pero Ourigues da Nóbrega e vasalo do infante Afonso, futuro Afonso III de Portugal. Tras unha estancia co Rei Afonso en Francia (1230-1245), regresou a Portugal e ocupou altos cargos, tanto administrativos como políticos; foi conselleiro do Rei (desde 1248), alférez menor (1250-1255), mordomo da Raíña Beatriz (1254-1259), mordomo-mor da curia (1264-1279), e tenente de Ponte de Lima (1259) e do Alentejo (1270-1284). Despois da morte de Afonso III (1279), abandonou o cargo de mordomo-mor, pero seguiu figurando na documentación dionisíaca ata 1284 como tenente de Évora. Propietario dun extenso patrimonio, fundou Vila Boim e a súa igrexa (no Alentejo), o mosteiro e máis a vila de Marmelar, e as igrexas e o castelo de Portel. Consérvanse 22 composicións recollidas nos tres cancioneiros colectivos -Cancioneiro da Ajuda, Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e Cancioneiro da Biblioteca Vaticana-: 10 cantigas de amigo, 7 cantigas de amor e 3 escarnios literarios a xeito de tenzón (2 con Johan Soarez Coelho e 1 con Lourenço). A súa lírica reflicte a penetración e asimilación dos elementos franceses na corte de Afonso III, pero non destaca nin pola perfección da súa técnica nin pola orixinalidade da súa temática.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Braga

  • Deceso