Johan Soarez Coelho
Trobador portugués. Activo na primeira metade do s XIII, pertenceu á liñaxe dos Coelho Ribadouro e, xa que logo, foi descendente de Egas Moniz. Logo de prestarlle servizo ao infante Fernando de la Serpa, acompañouno á corte de Fernando III; na corte castelá casou con Maria Fernandez de Ordes, dama nobre galega, e coñeceu a moitos trobadores, mesmo provenzais, como Picandon, xograr do trobador italiano Sordello, con quen mantivo unha tenzón. Despois de que Afonso III fose nomeado rei, volveu a Portugal e pasou a ocupar un alto cargo na corte (1250-1279); o seu fillo, Pero Anes Coelho, foi tamén vasalo real de don Denís (desde 1278). Iniciu o denominado “ciclo das Amas”, creado en terras castelás cara a mediados do s XIII, ao que tamén estiveron vinculados Airas Perez Vuitoron, Fernan Garcia Esgaravunha, Johan Garcia de Guilhade, Johan Perez d’Aboim, Juião Bolseiro e Lourenço. Tamén se relacionou con Picandon. Consérvanse 52 composicións da súa autoría recollidas nos tres cancioneiros -Cancioneiro da Ajuda, Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e Cancioneiro da Biblioteca Vaticana-: 20 cantigas de amor, 14 cantigas de amigo (1 dialogada) e 13 escarnios (10 persoais e 3 literarios, dous destes en tenzón).
Cronoloxía
-
Nacemento
-
Deceso