Jovellanos Ramírez, Gaspar Melchor María de
Escritor e político. Foi alcalde do crime en Sevilla (1767) e alcalde de casa e corte (1778) en Madrid, cidade na que contactou cos ilustrados. Coa chegada ao poder de Godoy, foi perseguido, detido e deportado a Mallorca, confinado primeiro na cartuxa de Valldemossa (1801) e, posteriormente, no castelo de Bellver (1802). Liberado en 1808, trala abdicación de Carlos IV, negouse a participar no equipo afrancesado, e formou parte da Junta Suprema Central y Gubernativa del Reino, onde representaba a tendencia ilustrada oposta ao Antigo Réxime e ao liberalismo político. Distinguiuse polas súas ideas renovadoras (humanización da xustiza, fomento das obras públicas, regalismo, loita contra a Inquisición, racionalización do ensino -que consideraba o motor máis potente de transformacións-, liberalismo económico). Expuxo as súas ideas político-económicas no Informe sobre el Banco de San Carlos (1782) e, especialmente, en Informe en el expediente de ley agraria (1795). Escribiu sobre os problemas da educación en Bases para la formulación de un plan general de instrución pública (1811). Foi tamén autor de poemas neoclásicos e prerrománticos e do drama burgués El delincuente honrado. Os seus Diarios (1915) abranguen o período 1790-1801 e son básicos para comprender a súa época e a súa evolución persoal.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Gijón -
Deceso
Lugar : Vega