Juventudes Libertarias
Organización xuvenil de carácter ácrata, organizada en Galicia por militantes da Federación Anarquista Ibérica (FAI), a partir de 1932. Os primeiros grupos xuvenís apareceron na Coruña, Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela e, a finais de 1933, funcionou un Comité de Relaciones Regional Galaico na Coruña, que posibilitou un ano despois a creación da Federación Regional Galaica de JJ LL que, na Frente Popular, chegou a integrar arredor de medio millar de militantes. Durante a Segunda República implantáronse en localidades como Lugo, Vilagarcía de Arousa, Betanzos, Viveiro, Ribeira, O Grove, Moaña, Cangas, Marín ou Mugardos. A partir de 1935 tiveron como voceiro oficioso ao quincenario coruñés Brazo y Cerebro, moi influído polos activistas da FAI I. González e A. Furnarakis. Durante a Guerra Civil actuaron desde a clandestinidade tanto en diversos cuarteis do exército nacional da Coruña e Ferrol, tentando sen éxito o amotinamento da tropa, como na organización de fugas por mar. Como consecuencia, numerosos afiliados foron represaliados e, arredor de trinta, asasinados.