Göteborg

Göteborg

Capital do län de Västra Götaland, Suecia (466.990 h [2000]). Está situada na costa occidental do län, no esteiro do Göta, preto da desembocadura en Kattegat. A instalación de comerciantes holandeses influíu na apertura dunha serie de canles a través do núcleo antigo da cidade (Gamlestaden). A expansión urbana débese, sobre todo, ao porto, que se converte en porto nacional cando, en inverno, o de Estocolmo queda bloqueado polo xeo. É un núcleo industrial, con industria de automóbiles, téxtil (algodón), petrolífera, química, de papel e de pasta de papel, construción naval e refinerías petrolíferas. Fundada en 1619 polo Rei Gustavo Adolfo II, foi durante os ss XVII e XVIII un importante centro comercial e marítimo. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, o barrio medieval de Haga e a fortaleza de Elfsborg (s XVIII).