2 león, leona/leoa

2 león, leona/leoa

(< lat leōne)

  1. s [ANIMAL]

    Carnívoro de gran tamaño, de membros robustos e esveltos e fortes gadoupas. Presenta cabeza grande, orellas pequenas, caninos moi desenvolvidos e rabo delgado. A pel é ocre, de tonalidade variable, e a crina máis escura. A femia é de menor tamaño, cunha pelaxe máis clara e sen melena. É un animal forte, de porte maxestuoso, mirada impoñente e ruxido sonoro. A súa axilidade e forza son considerables, sen embargo, non agatuña polas árbores, e o seu peso basta, a miúdo, para afogar as súas presas. Desenvolve costumes crepusculares, caza preto dos bebedoiros, aliméntase principalmente de animais herbívoros, de talle medio, e soamente ataca o home cando está ferido, famento ou por estar enfermo ou vello. O período de xestación é de 110 días e en cada camada a leoa adoita ter tres ou catro crías. Habita nos bosques e sabanas africanas, excepto na rexión setentrional. Durante o período helénico atopábase tamén na zona de Europa Oriental.

  2. s

    Persoa ousada e valente.

  3. s m
    1. [ARTE]

      Tema iconográfico moi corrente desde a Antigüidade que aparece na representación de cacerías e nas tumbas reais occidentais, aos pés das figuras xacentes dos reis como símbolo de poder.

    2. [RELIX]

      Figura de león no tetramorfo que simboliza o evanxelista Marcos. Ten a súa orixe na visión de Ecequiel narrada no libro deste profeta.

    3. [HERÁLD]

      Figura heráldica que se representa coas gadoupas levantadas, a destra alta e a sinistra un pouco máis baixa, a cabeza de perfil, a boca aberta, a lingua fóra, mostrando as gadoupas e coa borla da cola cara a dentro. A súa posición habitual é a de rampante, agás que expresamente se especifique outra.

  4. león de Xudá [RELIX]

    Símbolo da potencia do Reino de Xudá. Como título foi referido ao negus de Etiopia.

  5. león mariño [ANIMAL]

    Carnívoro pinnípede, da familia dos otáridos, de gran tamaño, corpo fusiforme e coas patas posteriores rematadas en aletas. Habita no mar aberto formando manadas de moitos individuos, pero aproxímase ás costas en época reprodutiva para acaparar o maior número de femias formando haréns. No Pacífico setentrional vive o león mariño ártico (Eumetopias stelleri) de pelame pardo avermellado e cun tamaño que pode alcanzar, no macho, os 4 m de longo. No hemisferio austral vive o león mariño do sur (Otaria flavescens) de pelame gris amarelento, crina no dorso e de menor tamaño. O león de California, (Zalophus californianus), de tamaño bastante menor e pel escura, habita nas costas occidentais de América do Norte e en Galápagos.