León, Reino de
Reino hispánico que, durante a Reconquista, tivo existencia como Estado independente en tres ocasións (910-1037, 1065-1072 e 1157-1230). Xurdiu á morte de Afonso III (910), momento en que as súas posesións se dividiron entre os seus fillos: o Reino de Asturias para Froila II, o Reino de Galicia para Ordoño II e o Reino de León para García I de León (910-914). Despois da morte de García I, o seu irmán, Ordoño II (914-924), recibiu o reino e realizou sucesivas expedicións de expansión (916, 917, 918 e 920), ocupou algunhas prazas de La Rioja e fixo unha incursión por comarcas castelás ata Atienza. As terras asturleonesas unificáronse entre 924 e 925, con Froila II e co seu herdeiro Afonso Froilaz, quen foi desprazado do poder polos seus curmáns: Afonso IV proclamouse rei de León (925-926 e 929-931) e Sancho I Ordóñez, de Galicia (926-929). Ramiro II de León (931-951) accedeu ao trono trala abdicación de Afonso IV (931) e con el iniciouse a etapa de plenitude do reino leonés, que exerceu certa hexemonía sobre os outros reinos hispanocristiáns e continuou a alianza coa monarquía navarro-aragonesa. Os tratos cos sarracenos foron permanentemente hostís, pero as repoboacións en terras leonesas permitiron o avance da fronteira do Duero ao Tormes, así como a aproximación aos contrafortes de Somosierra, na área castelá. O sucesor de Ramiro, Ordoño III (951-956), consolidou a súa autoridade no interior e no exterior do reino, que iniciou unha etapa de crise baixo Sancho I (955-958), incapaz de enfrontarse á hostilidade dos sarracenos, ás ambicións dalgúns magnates leoneses e ao particularismo dos casteláns. Deposto pola nobreza e polo conde castelán Fernán González en favor de Ordoño IV (958-960), entre 960 e 966, Sancho I recuperou o trono e encabezou unha coalición anticordobesa, á que se anticipou al-Hakam II de Córdoba cunhas expedicións (963-966) que obrigaron o monarca leonés a pedir unha tregua. Durante o reinado do seu fillo Ramiro III de León (966-984), leoneses, casteláns e navarros foron vencidos en Gormaz (976); Zamora foi saqueada, Simancas destruída e os aliados volveron ser derrotados en Rueda en 981. Os fracasos facilitaron un novo alzamento en Galicia e a elección como rei do fillo bastardo de Ordoño III, Vermudo II (984-999), quen pacificou o reino coa axuda das tropas sarracenas. Durante o seu reinado consolidouse a independencia castelá co conde García I de Castela e manifestouse a súa incapacidade para afrontar a onda de belicismo impulsada por Almanzor. Con Afonso V (999-1028), a antiga hexemonía leonesa desapareceu totalmente. Navarra exercía unha preponderancia indiscutible e Castela perfilábase como futura potencia. Tralo saqueo sarraceno de Clunia (1007), a hostilidade castelá, as rebelións da nobreza e a piratería normanda (1016), a segunda metade do reinado foi un tempo de reconstrución interior e de intento frustrado de impoñer a soberanía sobre Tierra de Campos, comarca fronteiriza disputada por leoneses e casteláns. Durante o reinado de Vermudo III (1028-1037), Sancho III de Navarra invadiu o Reino de León (1033-1034), que foi recuperado en 1035 e novamente perdido coa derrota de Vermudo por Fernando I de Castela (1037-1065), quen o sucedeu e se autotitulou imperator. Desde 1037 ata 1157, o Reino de León quedou unido a Castela, a excepción duns anos (1065-1072) dentro do reinado de Afonso VI (1065-1109). O terceiro e derradeiro período de independencia, de 1157 a 1230, correspondeu aos reinados de Fernando II (1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230), quen impulsou a expansión territorial; sen embargo, o seu enfrontamento con Castela deixou o Reino de León fóra da vitoria cristiá na Batalla de Las Navas de Tolosa (1212). Á súa morte, o Reino de Galicia quedou para a súa filla Dulce e o Reino de León para a súa filla Sancha, pero o seu fillo Fernando III, que ocupaba o trono castelán desde 1217 por herdanza da súa nai Berenguela I de Castela, reclamou e obtivo os dereitos das súas irmás ao trono, a cambio do pagamento dunha pensión. Deste xeito produciuse a unión real das coroas de Galicia, León e Castela.