liberdade
(< lat libertāte)
-
s
f
-
Facultade e dereito das persoas para obrar segundo os seus criterios, sen mandato ou imposición. Na tradición oral recóllense ditos como: “A liberdade non hai quen a pague, porque non se sabe o que vale. A moita liberdade, bota a perder ás veces a mocidade. Máis vale liberdade con pobreza, que cadea con riqueza. O que ten liberdade non sabe o que ten, se é que o pensa ben”.
Ex: Sempre tivo liberdade para actuar como mellor lle pareceu. Elixiu con total liberdade.
-
Permiso que ten alguén para facer algo.
Ex: Déronlle liberdade para elixir o horario de traballo.
-
Desenvoltura ou naturalidade de movemento.
Ex: Esta roupa permíteche correr con total liberdade.
-
-
[DER]
-
liberdade civil
Estado dos cidadáns que teñen os seus dereitos protexidos por unha comunidade civil organizada.
-
liberdade condicional
Beneficio que se lle concede a un penado polo que obtén a liberdade ata o fin da súa condena, e que pode ser concedida por unha autoridade xudicial, administrativa ou penitenciaria.
-
liberdade de contratación
Principio polo que toda persoa con capacidade suficiente pode concluír contratos privados con plena autonomía sempre que non atente contra as leis, a moral e a orde pública.
-
liberdade de expresión
Dereito fundamental polo que toda persoa pode manifestar publicamente as súas opinións e crenzas.
-
liberdade de imprenta
Dereito de imprimir canto se queira, coa suxección ás leis e sen censura.
-
liberdade de navegación
Dereito á libre navegación por augas xurisdicionais e por augas que non están suxeitas á competencia de ningún Estado; polo que logo, as persoas que se atopan nun barco en alta mar están baixo a xurisdición do Estado ao que pertence o pavillón da nave.
-
liberdade de pensamento
Liberdade de xulgar sen imposición de dogmas nin ditados. É un dereito contemplado na Declaración Universal dos Dereitos Humanos vixente na actualidade.
-
liberdade de testar
Liberdade pola que se pode dispoñer acto de última vontade dos bens propios sen máis limitacións que as determinadas polas disposicións legais.
-
liberdade do aire
Dereito á liberdade aérea. Ata 1919 o aire e a circulación aérea eran libres, pero a partir do Convenio de Chicago (1919) e París (1944) está vixente o principio da soberanía do estado subxacente, pero coa aceptación dunhas regras de liberdade de paso para os avións estranxeiros.
-
liberdade dos mares
Principio do dereito internacional que establece que, en tempos de paz, o mar, en toda a súa extensión, agás as augas interiores e o mar territorial, non pode ser obxecto de apropiación por parte de particulares nin da soberanía de ningún Estado, e é libre para todas as naves, sen distincións nin prerrogativas. Este principio foi moi discutido durante séculos polos estados de hexemonía marítima, que pretendían dereitos exclusivos de navegación, feito que orixinou diversas guerras, ata que o librecambismo o impuxo a finais do s XVIII. Doutrinalmente formulouno Francisco de Vitoria e o seu seguidor, Fernando Vázquez de Menchaca, quen defendía que o mar debía ser de uso común de toda a humanidade, sen privilexios nin monopolios (mare liberum). Tamén foi tratada extensamente polo xurista holandés Huig van Groot no seu opúsculo Mare Liberum. Actualmente a liberdade dos mares está regulada polo Convenio de Xenebra de 1958, que comprende a liberdade de navegación, de pesca, de colocación de cables e tuberías submarinas e a de sobrevoalas. Unha embarcación en mar aberto só pode someterse ao dereito internacional e ás leis do país do pavillón que enarbora. Con todo, a liberdade dos mares ten tamén certas limitacións vinculadas, entre outras, á supresión da piratería, ao comercio ilegal de armas, á vixilancia das zonas de pesca e dos cables submarinos e aos dereitos dos estados costeiros de perseguir os barcos estranxeiros que infrinxan a lexislación nas súas augas territoriais.
-
liberdade individual
Estado dos cidadáns que son libres en todo o que a lei non prohibe.
-
liberdades individuais/ou públicas
Conxunto de dereitos recoñecidos a toda persoa como fundamentais e inviolables nunha constitución.
-
liberdades políticas
Conxunto de liberdades establecidas nos países democráticos que lles permiten aos cidadáns a participación nas tarefas políticas. Comprende, entre outras, a liberdade de pensamento, asociación, traballo, comunicación e ensino.
-
liberdade provisional
Situación de liberdade de que pode gozar un inculpado durante a tramitación da causa, baseándose na natureza do delito que se lle imputa, e na falta de antecedentes penais ou doutras circunstancias. Pode ser concedida tras unha fianza previa (liberdade baixo fianza) ou sen ela (liberdade baixo palabra).
-
liberdade relixiosa
Dereito do individuo a profesar calquera crenza relixiosa, liberdade de conciencia, e a manifestala exteriormente a través de cerimonias litúrxicas, liberdade de culto. A constitución española recoñece o principio de garantir a liberdade relixiosa, ideolóxica e de culto dos individuos e das comunidades, manifestando que non se lles pode facer declarar sobre a súa ideoloxía ou relixión. O dereito da aconfesionalidade garante un dos dereitos fundamentais da persoa.
-
liberdade vixiada
Medida que se aplica nas penas de confinamento pola que o condenado queda en liberdade baixo a vixilancia da autoridade competente.
-
liberdade civil
-
s
f
[FILOS]
-
Posibilidade de decidir por un mesmo sobre a propia conduta e sobre o sentido ou a configuración da existencia, e que ofrece unha capacidade de elección entre diversas alternativas e unha facultade para trascender aquelas determinacións que se consideran alleas, extrínsecas e indebidas. Destaca a complexidade e incluso a disparidade de significados que o concepto de liberdade tivo ao longo da historia da humanidade. Á hora de buscar un entendemento intrínseco do sentido e o alcance do concepto, o seu significado permanece condicionado polas diversas perspectivas desde as que se pode contemplar: cósmica, política ou persoal. Desde unha perspectiva cósmica a liberdade enténdese como a liberdade de eludir unha orde determinada e invariable. No caso da orde natural das cousas, a cuestión é saber ata que punto o home pode eludir ou debe eludir esta orde, e no caso do destino a cuestión radica na diversa valoración que se pode facer. Desde unha perspectiva política a liberdade identifícase coa autonomía e a independencia, no sentido da posibilidade de decidir o propio destino comunitario sen interferencias doutros grupos. O problema aparece pola coexistencia de diversos grupos que, ao non coincidir na determinación concreta do ben común, do ideal social e da lexislación correspondente, entran en conflito. Desde unha perpectiva persoal a liberdade pode entenderse como a posibilidade de exercer e desenvolver un conxunto de dereitos propios de todo ser humano sen coacción por parte doutros (persoas ou grupos sociais), dereitos que deben ser exercidos e coordinados mutuamente de xeito que os dunha persoa non entren en conflito cos doutra. Máis alá desta tripla formulación, o concepto de liberdade foi tratado de xeitos moi diversos polos distintos pensadores ou correntes filosóficas, entre os que destacan Aristóteles, que tentou conxugar a orde natural e moral a partir da noción de finalidade entendida no home como a búsqueda da felicidade; a filosofía cristiá, que se caracteriza por un peculiar esforzo de síntese entre a liberdade humana e a soberanía de Deus; o racionalismo moderno, que tentou coordinar liberdade e necesidade; Kant, para quen a liberdade está condicionada polas posibilidades de orde moral, fronte ao que se estende o determinismo do mundo material; o materialismo mecanicista e o positivismo máis radical, que abocan a unha negación da liberdade ao reducila á falta de consciencia das últimas determinacións de todo o real; e o espiritualismo e o existencialismo, coa súa afirmación da liberdade humana e da súa preeminencia sobre os condicionamentos reais que intentan anulala. Pódese establecer a liberdade como un tipo peculiar de determinación que xorde do mesmo suxeito e que vén dado no consciente e persoal polos condicionamentos físico-biolóxicos e histórico comunitarios.
-
Capacidade da vontade humana para dirixirse cara ao ben, en contraposición co libre albedrío.
-
Condición do home libre.
-
-
s
f pl
Confianza ou familiaridade excesiva que ten unha persoa con outra.
-
liberdade de comercio
[ECON]
Concepto económico e comercial que xurdiu na Europa do s XVII e se estendeu principalmente durante o s XVIII. Rexeitaba a práctica de limitar o comercio internacional mediante o sistema de compañías privilexiadas e de zonas exclusivas que practicaban as grandes potencias, especialmente España e Francia. O monopolio do porto de Cádiz no comercio colonial con América desapareceu no reinado de Carlos III pola Real Instrución de 16 de octubre de 1765, que autorizaba as saídas e chegadas directas de barcos desde distintos portos da Península Ibérica (Santander, Gijón, Málaga, Cartagena, Alacant, Barcelona e A Coruña), cara ás illas de Barlovento, Trinidad, Margarita, Puerto Rico, Santo Domingo e Cuba. Esta situación provocou un incremento do tráfico no porto coruñés, que se centrou especialmente na exportación de produtos téxtiles autóctonos, destinados aos mercados do Río de La Plata, e recibiu a cambio grandes importacións de coiro. A ampliación do número de portos autorizados entre 1768 e 1778, e dos destinos americanos, coa inclusión de Luisiana (1768), Campeche e Yucatán (1770) e Santa Marta (1776), tivo unha influencia negativa no comercio da Coruña. A partir de febreiro de 1778 autorizouse a libre navegación aos vicerreinados de Perú, Chile, e Río de La Plata, ao tempo que se habilitaron outros portos peninsulares. Tralos decretos de Libre Comercio (1778), A Coruña perdeu o réxime case monopolístico dos mercados riopratenses. Despois da autorización aos portos de Vigo (1783-1785) e Ferrol (1787) para comerciar con América produciuse unha saturación dos mercados indianos acompañada da diminución no volume nos cargamentos das mercadorías galegas. A finais do s XVIII os problemas bélicos e os bloqueos comerciais provocaron unha creba no sistema de libre comercio colonial.
Refráns
- A liberdade non hai quen a pague, porque non se sabe o que vale.
- Cabra coxa non precisa corda nin solta.
- Comer, a gusto; vestir, Ao uso.
- Feita a gaiola, morto o paxaro.
- Gaiola nova, paxaro vello.
- Non áte-Ia boca Ao boi que traballa.
- O amor non ten pechadura en celeiro nin en hucha.
- O boi ceibo ben se lambeo
- O boi sen corda pérdese axiña.
- O boi solto de seu se lambeo
- O que ten liberdade non. sabe o que ten, se é que o pensa ben.
- Pobre do can que polo rabo se deixa agarrar.
- Quen poida ser libre, non se cautive.
- Vale máis traco nun garabato que gordo no papo do gato.