Liberia
Estado de África occidental que limita ao N con Guinea, ao L con Costa de Marfil, ao S e SO co Océano Atlántico e ao NO con Serra Leona (111.369 km2; 3.226.000 [estim 2001]). A capital é Monrovia.
Xeografía física
Constitúe un grande altiplano que descende irregularmente cara á costa. Distínguese a costa baixa e regular e unha área intermedia de baixos outeiros que se eleva cara a un altiplano interior que culmina nos montes Nimba (1.752 m alt). O clima é subecuatorial, moi húmido e caloroso. As precipitacións concéntranse de maio a outubro, e son máis abundantes na costa ca no interior. Está atravesada por numerosos ríos, con rápidos, que desembocan no Océano Atlántico. O país está cuberto de bosque ecuatorial, aínda que está en continuo retroceso pola acción do home, que o substitúe polas plantacións.
Xeografía económica
A economía baséase fundamentalmente na agricultura. Unha gran parte da poboación practica a agricultura de subsistencia, con cultivos como o arroz, patacas ou mandioca. A agricultura de plantación ten máis importancia debido á produtividade, sobre todo con cultivos como o caucho, o café, o cacao, as bananas e a cana de azucre. O bosque cobre un terzo da superficie pero non está moi explotado debido ás dificultades de transporte. A gandería e a pesca teñen pouca importancia. O sector industrial está representado nas industrias mineiras, explotadas por compañías estranxeiras, especialmente de ferro (segundo produtor de ferro de África), diamantes, ouro, bauxita e manganeso. A explotación mineira deu lugar á construción de infraestruturas de comunicación modernas pero modestas. Liberia dispón da flota mercante máis grande do mundo, xa que é bandeira de conveniencia de moitos países.
Xeografía humana
É un país pouco poboado. A única cidade importante é a capital, e o resto son pequenos poboados. A poboación urbana é do 44,9% (2000).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O país conta cunha gran diversidade étnica. O maior grupo é o kpelle (20%), seguido do bassa (14%), o grebo (9%), o glio (8%), o kru (8%), o mano (7%), o loma (6%) e outros grupos (28%). O inglés é a lingua oficial, aínda que as linguas maioritarias son o bassa, o kpelle e diversas linguas krus. A relixión cristiá (67,7%) é a maioritaria, pero tamén hai presenza de animistas, de crenzas tradicionais (18,4%) e de musulmáns (13,9%). A Lei de Educación Obrigatoria de 1912 aseguraba a educación obrigatoria e gratuíta para os nenos entre os 6 e os 16 anos. Non obstante , a guerra civil que viviu o país, provocou que desde 1990 o sistema educativo se atope desfeito.
Desenvolvemento humano
A esperanza de vida ao nacer é de 49 anos para os homes e de 52 anos para as mu-lleres, cun PNB por habitante de 490 $ EE UU.
Goberno e política
Segundo a Constitución de 1986 é unha república presidencialista. O presidente, que é ao mesmo tempo xefe do estado e do goberno elixido cada seis anos por sufraxio universal, está á fronte do poder executivo. O gabinete, designado polo presidente, é confirmado polo Senate. Os poderes lexislativo e xudicial están fortemente influídos polo executivo. O poder lexislativo exérceo unha Asemblea Nacional bicameral, integrada polo Senate, que conta con 26 senadores elixidos por sufraxio popular para un período de nove anos, e a House of Representatives, integrada por 64 representantes elixidos por sufraxio popular para un período de seis anos. O sistema xudicial, baseado na common law anglosaxona e no dereito consuetudinario de orixe tribal, está presidido pola Supreme Court. Conta con tribunais do criminal e tribunais de apelación, pero tamén conserva tribunais tradicionais nas áreas rurais. A pena de morte permanece en vigor. Os principais partidos políticos son o National Patriotic Front (NPF), liderado por Charles Taylor; o autoritarista National Patriotic Party (NPP); e os centristas Unity Party (UP), All Liberia Coalition Party (ALCOP), Alliance of Political Parties (APP) formado pola coalición do Liberian Action Party (LAP) e o Liberia Unification Party (LUP), Liberian People’s Party (LPP) e o United People’s Party (UPP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Comunidade Económica dos Estados de África do Oeste, OUA, ONU e é membro asociado da UE.
Historia
As orixes
Habitada por tribos mandés no L e NL, desde o s XVII foi visitada con frecuencia polos portugueses, ingleses, franceses e holandeses para traficar con escravos. En 1821 a American Colonization Society adquiriu unha grande extensión de territorio co obxectivo de establecer nela os antigos escravos procedentes de EE UU e fundou a cidade de Monrovia.
A creación do estado de Liberia
En 1841 EE UU concedeulle ao territorio o nome de Liberia e dotárono dunha constitución. Os libertos que procedían de EE UU, arredor de 22.000, apoderáronse das mellores terras e formaron unha aristocracia territorial que oprimiu a poboación indíxena. En 1847 constituíuse en república e acadou a independencia, presidida por Joseph J. Roberts. Desde 1860 iniciouse a exploración do interior do territorio, ao tempo que se estableceron as fronteiras nun proceso que concluíu en 1910. A protección de EE UU evitou a súa desmembración a mans de Francia, Reino Unido e Alemaña. O labor dos afroamericanos como intermediarios no tráfico de escravos provocou un escándalo que implicou altos cargos do goberno, e levou á dimisión do presidente e os vicepresidentes. En 1926 a Firestone Tire and Rubber Co iniciou a explotación local de caucho e dominou a economía liberiana. En 1936 un novo goberno aboliu as prácticas de traballos forzados para a poboación nativa.
A fin do longo dominio do True Whig Party
En 1944 foi elixido presidente William Tubman, do True Whig Party (TWP), que instaurou un réxime autoritario e buscou o apoio da poboación autóctona. Durante o seu longo goberno EE UU continuou controlando a economía do país, desenvolveu a produción de caucho, iniciouse a explotación de ferro e creouse unha importante flota mercante. Ao mesmo tempo o TWP converteuse en partido único. Durante o mandato de William Tolbert, iniciado en 1971, Liberia desligouse da dependencia de EE UU, aceptou a axuda económica da URSS (1974) e adheriuse á convención de Lomé coa CEE (1978). No interior tentou a integración das rexións na vida política nacional e a mellora das condicións económicas da poboación indíxena, pero enfrontouse cunha grave crise económica, que acentuou as diferencias entre os afroamericanos acomodados e os indíxenas pobres. En 1979 producíronse graves disturbios populares, que foron reprimidos cun saldo de centenares de víctimas. O presidente asumiu poderes ditatoriais, pero foi derrocado nun golpe de estado dirixido polo sarxento Samuel Doe en abril de 1980.
A ditadura de Samuel Doe
Samuel Doe executou o ex-presidente, suspendeu a Constitución e constituíu un Consello de Redención do Pobo. Presionado por EE UU, promulgou unha nova Constitución en xullo de 1984, que permitía a volta á legalidade dos partidos políticos, pero aproveitouse do seu dominio da poboación para asegurar a vitoria nas presidenciais de 1985. En decembro de 1989 un grupo de disidentes, agrupados arredor da National Patriotic Front (NPF) e dirixidos por Charles Taylor, iniciou unha guerra civil en que se enfrontaron as distintas etnias. As forzas de pacificación da Comunidade Económica dos Estados de África do Oeste (ECOWAS) enviadas a Liberia fracasaron nos intentos por deter a loita. En setembro de 1990 S. Doe foi capturado por un grupo de rebeldes e executado.
A longa guerra civil
Malia que a ECOWAS establecera un goberno provisional presidido por Charles Sawyer, os enfrontamentos continuaron ata xullo de 1993, cando o Consello de Seguridade da ONU decretou o embargo de armas. Os principais grupos guerrilleiros negociaron un acordo de paz en Cotonou en maio de 1994, e estableceuse un goberno provisional de carácter transitorio e acordouse a elección dun novo goberno en xaneiro de 1996. O proceso de paz interrompeuse en setembro polas loitas internas no NPF, despois da deposición de Taylor e os enfrontamentos cos disidentes do United Liberation Movement (ULIMO). Despois dun cesamento do fogo en maio de 1995, formouse un goberno de transición presidido por Wilton Sankawlon e integrado por membros das distintas faccións. En setembro dese ano reiniciáronse os enfrontamentos entre o NPF e o ULIMO, fraccionados no United Liberation Movement-Kromah (ULIMO-K), no United Liberation Movement-Johnson (ULIMO-J), nas Armed Forces of Liberia (AFL) e no Liberia Peace Council (LPC). En xullo de 1996 os xefes das diversas faccións acataron o cesamento do fogo e a desmobilización dos seus subordinados. O proceso dirixido polo Economic Community Monitoring Group (ECOMOG) e a Misión da ONU permitiu que acadasen un mínimo de estabilidade, e acordouse a celebración de novas eleccións en xuño de 1997.
A difícil democratización: a presidencia de C. Taylor
Taylor venceu nas eleccións de xuño de 1997 á fronte do NPP e emprendeu a reconstrución política. Creou comisións de dereitos humanos e de reconciliación, ao tempo que incorporou ao seu goberno dirixentes da oposición. En 1999 retiráronse as tropas do ECOMOG, pero produciuse un intento de golpe de estado protagonizado polos partidarios de Roosevelt Johnson, líder do ULIMO-J. En 2000 as forzas gobernamentais enfrontáronse contras os rebeldes en Voinjama e coas tropas guineanas, ao tempo que as forzas de seguridade practicaron persecucións étnicas. En xaneiro de 2002 produciuse un novo brote de violencia preto da capital e o presidente declarou o estado de emerxencia, febreiro de 2002, que se prorrogou en setembro. Os rebeldes abriron diversas frontes de batalla en marzo de 2003 e chegaron preto da capital ata que o 11 de agosto o presidente C. Taylor renunciou ao poder e marchou ao exilio a Nixeria. Un goberno interino (11.8.2003-14.10.2003), presidido por Moses Blah, e os rebeldes dos grupos Liberianos Unidos pola Reconciliación e a Democracia (LURD) e o Movemento pola Democracia en Liberia (MODEL), asinaron un acordo de paz e elixiron como presidente do goberno a Gyude Briant o 13.10.2003.