Labra Suazo, Xosé María de

Labra Suazo, Xosé María de

Artista plástico. Abandonou os estudios de arquitectura e ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid (1945-1950). Durante a súa etapa universitaria recibiu o Primeiro Premio na II Exposición de Arte Universitario, foi bolseiro de paisaxe en El Paular (Segovia) e un dos fundadores da revista Alférez e realizou a súa primeira exposición en 1947. En 1953 deseñou, por encargo de M. Fisac, as vidreiras para a capela do colexio de Formación Misioneira dos Dominicos de Valladolid, as pinturas murais para o pavillón da Coruña na Feria del Campo de Madrid e os frescos da delegación provincial de sindicatos da Coruña. Despois de traballar un tempo como axente comercial, en 1954 instalouse en Madrid e dedicouse exclusivamente á arte. Durante a década de 1950 realizou pintura figurativa de tema relixioso que combinou coas primeiras pinturas abstractas e espaciais, ámbito en que derivou cara á abstracción xeométrica. Colaborou, entre outras publicacións, en Atlántida. As súas obras relixiosas foron premiadas en diversos certames, entre outros, o Premio Perotti á mellor obra relixiosa, San Francisco, na XXVIII Bienal de Venecia (1956); e a Medalla de Ouro por A Virxe co neno, na I Bienal de Arte Sacra de Salzburgo (1957). A finais da década de 1950 abandonou a pintura relixiosa e iniciou unha pintura tridimensional, da que destacan a serie Tensións, na que o espazo asume o protagonismo. Realizou murais tridimensionais, entre outros, o da Central Eléctrica do Eume (1960), o do albergue de Gandarío (A Coruña), o do Banco de Bilbao en Pontevedra, e o relevo do exterior da igrexa parroquial de San Martiño de Meirás (Sada). En 1960 participou co Grupo Parpalló na Exposición de Arte Normativa Española en València. En 1961 foi un dos fundadores, e director artístico, da Sociedad de Estudios de Diseño Industrial (SEDI) coa que realizou deseños de mobles, pezas litúrxicas e outros obxectos. En 1963 deseñou as celosías para o pavillón español na feira de Nova York, do que foi director artístico, e decorou a sede da Sociedade Hípica da Coruña. Desde 1964 o relevo foi protagonizando a súa obra, na que empregou diversos elementos incorporados ao cadro. A xeometrización foi en aumento e comezou a empregar a espiral, da que destaca a serie Transvolucións. En 1966 nomeárono asesor artístico da sociedade Standard Eléctrica e a finais da década de 1960 realizou formulacións teóricas da súa estética, entre outras, Figuración simbólica (1977). Durante a década de 1970 realizou esculturas móbiles, das que destaca Dideca (1970), e durante un certo tempo decantouse polo monocromatismo. En 1971 recibiu o Gran Premio no Festival de Pintura de Cagnes-sur-Mer, e en 1976 instalouse en Palma de Mallorca. En 1981 realizou un mural para o aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela) e en 1982 outro para o de Barajas. Desde 1989 empregou o pequeno formato. Como poeta publicou Amarama (1987), que presentou xunto a unha exposición no Kiosko Alfonso da Coruña. A súa obra está presente, entre outras, nas coleccións Caixanova, CGAC, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa e Deputación da Coruña.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Palma de Mallorca