Laden, Osama ben

Laden, Osama ben

Terrorista saudita. Membro dunha rica familia de orixe iemení vinculada aos negocios da construción, en 1979 marchou a Afganistán para combater a invasión soviética e foi adrestrado pola CIA. Fundou o movemento Maktab al-Khidimat (MAK), que recrutou voluntarios e importou equipos para apoiar a resistencia afgá e a organización Al-Qaeda (1988). Despois da guerra volveu a Arabia Saudí, pero foi expulsado en 1991 polas súas actividades contra o Goberno e marchou a Sudán. A presión do Goberno de EE UU provocou a súa expulsión en 1996 e volveu a Afganistán, dominado polos talibáns. Foi acusado polo secretario de Estado dos EE UU de promover e financiar unha rede terrorista que atentou contra as embaixadas americanas en Tanzania e Kenya (1998), contra o destrutor estadounidense USS Cole, en Iemen (2000), e contra as torres xemelgas do World Trade Center de Nova York e o Pentágono de Washington o 11 de setembro de 2001.

Desaparecido desde a ofensiva estadounidense para acabar co réxime talibán (2001), no ano 2011 foi abatido en Paquistán por un comando do exército dos EE UU baixo as ordes do presidente Barack Obama. O seu corpo, presuntamente, foi lanzado ao mar.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Arabia Saudí

  • Deceso

    Lugar : Paquistán