lagarta

lagarta
  1. [ANIMAL]
    1. s f

      Réptil da familia dos lacértidos, de pequeno tamaño, forma alongada e provistos de catro extremidades completas. Os dedos son longos e finos, especialmente o cuarto, que pode ter o dobre de lonxitude que os demais. O corpo está cuberto de escamas, os ollos teñen pálpebras e o oído está moi desenvolvido, con membrana timpánica visible. Viven en ambientes variados pero sempre soleados, e máis ou menos húmidos. Están activas en primavera e verán, invernando nos meses fríos do ano. Reprodúcense por ovos. Aliméntanse de insectos e outros invertebrados. Poden desprenderse voluntariamente dunha parte da cola por autotomía. En Galicia hai sete especies de lagarta, que pertencen aos xéneros Lacerta, Podarcis e Psammodromus. Existen algunhas especies que son raras ou escasas en Galicia, como por exemplo Psammodromus algirus (na metade S), Podarcis hispanica (en zonas secas máis secas -Verín e arredores de Ourense-) e Podarcis muralis (está desprazada pola lagarta galega).

    2. lagarta da serra [port: lagartixa-de-montanha; cast: lagartija serrana; ingl: iberian rock lizard] [Lacerta monticola, Fam dos lacértidos]

      Lagarta robusta, de cabeza e corpo xeralmente aplanados que acada os 80 mm de lonxitude cabeza-corpo. O dorso é verde ou pardo con tons variables, xeralmente cuberto de manchas negras irregulares e máis densas nos costados. A zona do ventre soe ser azulada, verdosa ou amarelenta e ás veces con pequenos puntos negros nas escamas segundo a poboación. Os machos son máis grandes e de cabeza máis robusta ca as femias, con ocelos azuis detrás dos membros anteriores e ao longo dos costados. É unha especie propia de zonas montañosas, en áreas rochosas e de mato. É un endemismo ibérico, e en Galicia é común no N e NL, chegando ao nivel do mar. En Galicia atópase a subespecie L. m. cantábrica.

    3. lagarta das brañas [cast: lagartija de turbera; ingl: viviparous lizard] [Lacerta vivípara, Fam dos lacértidos]

      Acada os 65 mm de lonxitude corpo-cabeza. Ten cabeza robusta, fociño redondeado, unha pregadura gular patente, un colar serrado, membros curtos e rabo groso e recuberto por escamas grandes e aquilladas. O dorso é marrón, pardo ou pardo-vermello, cunha liña vertebral escura. Xeralmente, existe nos laterais unha banda marrón ou pardo-vermella tirando a negra, delimitada na zona superior por unha liña máis clara. O ventre é abrancazado ou amarelo. É unha especie moi higrófila que se atopa, principalmente, en turbeiras, prados húmidos, lindeiros e incluso nas marxes de regatos de montaña. Ten unha amplísima distribución, pero en Galicia é moi rara, atopándose soamente en recunchos especialmente húmidos dalgunhas localidades lucenses como a serra do Xistral e os Ancares.

    4. lagarta dos penedos [port: lagartixa-ibérica; cast: lagartija ibérica; ingl: spanish wall lizard] [Podarcis hispanica, Fam dos lacértidos]

      Lagarta de tamaño moi variable, cabeza aplanada cos ollos sobresaíntes. Carece de manchas na gorxa e a coloración é moi variable, presentando o dorso tons que van do pardo claro ao verde, con machas de tons negros pouco aparentes nalgunhas poboacións e moito noutras. Ás veces aparecen manchas escuras que forman unha liña vertebral. O ventre, de fondo branco ou amarelento, non acostuma presentar manchas escuras, e se o fai están situadas nas escamas máis externas. Ocupa unha gran variedade de hábitats ligados a substratos rochosos. Está presente en case toda a Península Ibérica e en Galicia é común na metade S.

    5. lagarta galega [port: lagartixa-de-Bocage; cast: lagartija de Bocage; ingl: Bocage´s wall lizard] [Podarcis bocagei, Fam dos lacértidos]

      Lagarta robusta, de cabeza alta e relativamente curta, de ata 71 mm de lonxitude corpo-cabeza. O dorso presenta manchas negras sobre un fondo pardo, verdoso ou verde intenso. As zonas laterais son verdes ou amarelentas. É unha especie que ocupa gran variedade de hábitats, sendo os máis característicos as zonas clarexadas dos bosques de carballos e as áreas de mato. É un endemismo Ibérico que só ocupa o NO peninsular, e en Galicia está homoxeneamente distribuído, excepto nas zonas de influencia mediterránea. Pódese atopar desde o nivel do mar ata os cumios das serras.

  2. s f

    Muller desvergonzada.