lago

lago

(< lat lacu)

  1. s m [XEOL/ECOL]

    Acumulación de auga de certa extensión, situada nunha depresión no interior dos continentes. Calcúlase a extensión total de todos os lagos actualmente existentes nun 2% da superficie total da Terra. A pesar da súa escasa extensión, os lagos adquiriron recentemente unha grande importancia, entre outras razóns polo seu interese ecolóxico. Neste sentido desenvolveuse, paralelamente á limnoloxía, unha nova ciencia, a acuicultura, moi desenvolvida en Xapón, onde se obtén, cos seus principios, elevados rendementos na produción de peixes, mariscos e algas. Os lagos, desde o punto de vista ecolóxico, son altamente dinámicos, pois os procesos biolóxicos e erosivos alternan progresivamente os ecosistemas e a morfoloxía litoral. Os lagos teñen unha vida efémera, se se compara coa duración do ciclo xeral erosivo, no que están incluídos. Todos os lagos son recentes, xa que se iniciaron durante o Cuaternario. Adoitan estar alimentados por ríos ou glaciares, que reciben o nome de inmisarios, e desembocan mediante outros ríos, denominados emisarios. Uns e outros poden faltar, e entón a alimentación e a desembocadura do lago poden ser subterráneas, en caso de relevos cársticos, ou a auga pode perderse por evaporación, en rexións endorreicas. A superficie e a profundidade dos lagos é moi variable. A orixe dos lagos é diversa e complexa. En xeral, pode ser debida a fenómenos glaciais, tectócnicos, endorreicos, cársticos, erosivos ou volcánicos. A desaparición dos lagos débese a dúas causas: o recheo da conca por sedimentos e a erosión das barreiras que manteñen retida a auga.

  2. s m [HERÁLD]

    Figura heráldica que se representa de forma irregular e con ondas.

Palabras veciñas

Lages | Laghmān | Laghouat | lago | Lago | Lago | Lago