Lago Rey, María Jesús

Lago Rey, María Jesús

Alpinista. Coñecida como Chus Lago, realizou expedicións a Kenya (1989) e aos Andes (1990), onde acadou cumios de máis de 6.500 m de altitude e participou na expedición galega ao Annapurna (1991). Un ano máis tarde tomou parte nunha expedición galega ao Everest, coa que conseguiu superar os 7.800 m.   En 1997 coroou o seu primeiro “oitomil”, o Cho Oyu (8.201 m). En 1998 fracasou na súa primeira tentativa persoal de subir ao cumio do Everest (8.848 m), pero un ano máis tarde conseguiu culminar a ascensión sen empregar osíxeno complementario, algo que só conseguiran con anterioridade dúas mulleres. O seguinte reto que emprendeu foi a consecución da medalla “Leopardo das neves”, coa que se distingue aos alpinistas que acadan os cinco cumios máis elevados do territorio da antiga URSS, nas cordilleiras do Tian Shan e do Pamir: o Pico Lenin, ou Chon Ton, coroouno en 1993; o Pico Comunismo (7.495 m) subiuno en 2000; o Chan Tengri (7.010 m) superouno en 2001; e no Pobedy (7.439 m) fixo cumio en 2003. Tan só lle resta ascender o Evgenia Korgenevskaya (7.015 m), expedición prevista para o verán de 2004, para lograr o galardón. A súa experiencia no Himalaia narrouna no libro Everest. Fuera de la Tierra (2000). Entre os premios que recibiu, destacan a Medalla de Bronce de la Real Orden del Mérito Deportivo, a Medalla Castelao e o premio anual de 1999 da Real Sociedad Geográfica española.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo