Lalín, San Martiño de
Lalín, San Martiño de
Igrexa situada en Lalín. En orixe foi un mosteiro dúplice fundado en 980 por Arias Peláez, bispo de Mondoñedo. A súa sobriña, a condesa Adosinda Gudesteiz, doouno en 1019. Posteriormente foi un cenobio feminino e despareceu a principios do s XV. A igrexa pertence á tipoloxía do románico rural da segunda metade do s XII cunha soa nave e ábsida rectangular. A ábsida presenta unha ventá románica con chambrana de billetes e beiril con canzorros. Na portada principal destacan as arquivoltas, apoiadas en sinxelas columnas, e o tímpano liso. A porta N ten un tímpano semicircular. A porta S comunicaría coas dependencias monacais, hoxe desaparecidas. Consérvase o campanario románico, rematado cun Agnus Dei.