Lamas, Santa María de
Lamas, Santa María de
Igrexa parroquial situada en Boqueixón. Construída na segunda metade do s XVIII, ten planta de cruz latina cunha soa nave, con tribuna aos pés e cuberta cunha bóveda de canón de dous tramos. O cruceiro cóbrese cunha cúpula sobre pendentes e os brazos transversais con bóveda de canón. A cabeceira é plana e cóbrese cunha bóveda de aresta. No interior consérvanse pinturas ao fresco do s XIX. A fachada principal é sobria e nela destaca a torre campanario formada por un primeiro corpo macizo de planta cadrada sobre a que se sitúa o corpo das campás, de planta rectangular e con pináculos nas esquinas. O conxunto remata cunha pequena lanterna octogonal.