Lamas Carvajal, Valentín

Lamas Carvajal, Valentín

Escritor e xornalista. Coñecido polo seu labor xornalístico, poético e narrativo, e incluído na denominada Xeración de 1868, foi un dos autores máis significativos do Rexurdimento galego. Na súa obra destaca sobre todo a súa defensa de Galicia, da súa lingua, das súas xentes e costumes, e o recordo a todas aquelas persoas que loitaron por ela. En 1871 marchou a Santiago de Compostela para iniciar os seus estudios de medicina, cidade en que comezou a súa andaina como xornalista dirixindo a revista La Aurora de Galicia. Aproveitou a súa estadía na capital galega para publicar Flores de ayer (1871), que dedicou á súa nai, e La monja de San Payo (1871), en agradecemento ao seu tío Pedro Carvajal. Ao ano seguinte viu a luz a colección de lendas El Cancionero del Miño. Leyendas y tradiciones de Orense. De regreso a Ourense (1874), comezaron as súas colaboracións no semanario El Heraldo Gallego, que pasou a dirixir meses despois e no que deu a coñecer as súas primeiras composicións en galego. Foi nesa época cando, despois dunha longa enfermidade, quedou practicamente cego, feito que non lle impediu continuar co seu labor creador. En 1875 apareceu o libro Cartas ôs gallegos e o seu primeiro poemario en galego Espiñas, follas e frores. Ramiño primeiro, que motivou un duro enfrontamento con Manuel Murguía, quen o acusou de plaxiar os Cantares Gallegos de Rosalía. Ese poemario tivo a súa continuación no libro Ramiño Segundo, publicado en 1876. Nese mesmo ano fundou a primeira publicación escrita integramente en lingua galega, o xornal O Tío Marcos d’a Portela, que dirixiu ata 1889. En 1877 comezou tamén a dirixir a edición de El Heraldo Gallego, en Ourense, e ao ano seguinte tirou do prelo o poemario Desde la reja. Cantos de un loco, que significou unha nova polémica con Manuel Murguía, quen o acusara de producir unha obra de escaso mérito literario. En 1880, iniciou unha nova etapa no xornal El Eco de Orense, do que foi director e propietario, e onde se reflectiron algúns dos seus enfrontamentos políticos co caciquismo. Nese mesmo ano publicou Saudades Gallegas e, máis tarde, en 1887, Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos d’a terriña. En 1889 publicou a súa segunda obra narrativa, Catecismo da doutrina galega, publicado inicialmente en O Tío Marcos d’a Portela baixo o título de “Catecismo do labrego” e que influíu na obra doutros escritores ourensáns como Álvarez de Nóvoa e H. Pérez Placer. En 1890 editou A musa d’as aldeas, o seu último libro de versos. Participou activamente nos parladoiros celebrados no café La Unión de Ourense xunto con destacados políticos e intelectuais da época, e foi socio protector na creación do Círculo Católico de Obreros. En 1905, coa constitución da Academia Gallega, foi elixido como un dos 40 membros fundadores, aínda que a súa morte, no mesmo día da inauguración da entidade, impediu que ocupara o seu cargo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso