Lamas Pérez, Carmen

Lamas Pérez, Carmen

Pintora. Coñecida como Menchu Lamas, comezou a súa andaina artística no Colectivo Imaxe (1976-1978) e realizou diversas propostas en Galicia e Madrid. Participou na mostra Princesa 76 organizada por Antón Patiño en Vigo. Nestes anos comezou a súa colaboración co grupo de Comunicación Poética Rompente, co que colaborou en diversas publicacións. En 1980 viaxou con Ánxel Huete, Guillerme Monroy e Antón Patiño a Nova York, onde coñeceu o expresionismo abstracto. Ao regreso da viaxe fundou con estes artistas a proposta Atlántica, coa que se pretendía renovar a situación artística de Galicia. As obras presentadas amosan signos-símbolos dunha iconografía indefinida. Tralas mostras de Atlántica a súa obra acadou unha maior repercusión e en 1982 realizou en Madrid a súa primeira exposición individual. A súa obra caracterízase polo carácter alegórico, polo emprego de grandes formatos nos que sobresae a mancha de cor e sobre as que se sitúa unha figuración de tipo primitivista, que co paso do tempo foi abandonando. Participou en numerosas exposicións colectivas, entre outras, 26 Pintores 13 Críticos (1982), a XVIII Bienal de São Paulo (1985), Five Spanish Artists en Nova York (1985) e nas diversas convocatorias de ARCO desde 1984. A súa obra atópase en diversas coleccións públicas e privadas, entre outras, no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, no Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa e no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo