Lancaster
Dinastía real inglesa que tivo a súa orixe no príncipe Edmundo de Inglaterra, coñecido como Edmundo de Lancaster (1245-1296), fillo pequeno do Rei Enrique III e primeiro conde de Lancaster. En 1245 recibiu o Reino de Sicilia do Papa Inocencio IV, pero en 1258 Alexandre IV cancelou a concesión. Durante a Guerra dos Baróns (1236-1265) estivo exiliado en Francia e, en 1265, coa vitoria dos realistas, recibiu o condado de Leicester e, un ano máis tarde, o de Derby. Sucedérono os seus fillos Tomás de Lancaster (1277?-1322), segundo conde de Lancaster, e Enrique de Lancaster (1281?-1345), terceiro conde de Lancaster; o fillo deste último Enrique de Lancaster (1300?-1361), foi o cuarto conde e o primeiro duque de Lancaster. Participou na Guerra dos Cen Anos. A súa filla, Branca de Lancaster (1347?-1369) casou con Xoán de Gante, fillo do Rei Enrique III, que se converteu no segundo duque de Lancaster. O seu fillo e sucesor no ducado, Enrique de Lancaster (1367-1413), depuxo ao Rei Ricardo II e foi proclamado rei co nome de Enrique IV (1399-1413). Sucedeuno o seu fillo Enrique V (1387-1422). A dinastía extinguiuse co seu fillo e sucesor, Enrique VI (1421-1471), que se enfrontou á casa de York na Guerra das Dúas Rosas e que, despois de perder o reino en 1461 ante Eduardo IV, recuperouno brevemente entre 1470 e 1471.