Landes, Les
Rexión da costa atlántica de Aquitania, Occitania, que se estende desde o esteiro do Garonne ao N ata o río Ador no S. Forma unha ampla chaira duns 14.000 km2, atravesada no NO por vales encaixados, escavados polo río Leyre e polos tributarios do Ador. A drenaxe vese dificultada pola pendente débil e a existencia dunha capa impermeable e pouco profunda, que contribúe a converter a rexión nunha ampla área pantanosa, apta só para o pasto de ovellas. A desecación e posterior plantación de piñeiros durante o s XIX cambiou o aspecto e a economía da rexión, orientada na explotación forestal e cara ás industrias transformadoras da madeira. Ten explotacións de lignito en Arjuzanx e extraccións petrolíferas en Parentis-en-Born. Tamén posúe estacións termais.