Languedoc

Languedoc

Rexión do SL de Occitania. Limita ao N con Lyon, ao L con Delfinado e Provenza, ao S con Catalunya, ao SO con Foix, ao O con Guyenne e Gascoña, e ao NO con Auvernia, e esténdese desde o macizo de Corbières, ao SO, ata o Ródano, ao L, e desde o Mar Mediterráneo ata o Macizo Central. Climaticamente é un país de transición entre o Mediterráneo e Aquitania (características atlánticas), con predominio de clima mediterráneo. Os ríos principais son o Aude, o Orb, o Hérault, o Vidourle, o Ariège, o Garonne, o Gard (afluente do Ródano) e o Ródano. A poboación habita principalmente na chaira, onde desde o s XVIII predomina o monocultivo da viña, que favoreceu a riqueza pública que se manifestou nun aumento demográfico. Non obstante , sofre un atraso económico en todos os aspectos: a economía das montañas vai desaparecendo e a industria é case inexistente, a pesar do intento de converter, grazas á irrigación da chaira, Languedoc nunha rexión de horta. O turismo é tamén unha fonte de ingresos. O estado francés comprende os departamentos de Aude, Gard, Hérault e Losera, e forma, xunto con Rosellón (departamento de Pireneos Orientais), unha rexión administrativa. A rexión foi colonizada por diversos poboadores gregos, iberos, ligures e galos na Antigüidade. Desde o s II a C os romanos impuxéronse na rexión e fundaron a cidade de Narbona. No s V os visigodos fixeron de Tolosa a súa capital ao tempo que conservaron o esencial da cultura antiga. A invasión musulmana, que chegou ata o S de Francia, tentou establecer un poder islámico-cristián en Narbona pero a vitoria de Carlos Martel desbaratou esta posibilidade. Entre finais do s XII e comezos do s XIII o Condado de Tolosa foi o centro dunha importante renovación social, a civilización occitana, pero a cruzada contra os albixenses aniquilou esta civilización. As terras da rexión foron anexadas definitivamante á coroa de Francia en 1271 e o Languedoc viviu unha vida provinciana especial e gozou dun estatuto benéfico. Durante o s XVI foi un lugar de forte presenza protestante. A fracasada revolta do gobernador H. de Montmorency contra o poder central (1632) marcou o triunfo da monarquía absoluta. A guerra relixiosa e social dos camisards (1702-1704) ensanguentou o país. A Revolución Francesa borrou as institucións características do país, pero desde mediados do s XIX deuse un certo renacemento na lingua e cultura occitanas.