Largo Caballero, Francisco
Político e sindicalista. Obreiro estucador, ingresou en UGT en 1890 e no PSOE en 1894. Formou parte das súas directivas desde 1914 e 1915, respectivamente. Membro do comité de folga de 1917, foi condenado a trinta anos de prisión, pero ao ser elixido deputado por Barcelona en 1918, foi amnistiado. Colaborou brevemente coa Ditadura de Primo de Rivera (1924) e foi ministro de Traballo na Segunda República (1931-1933). Elixido presidente do PSOE (1932-1935) liderou a á esquerda do partido e das Xuventudes Socialistas, e propugnou unha política revolucionaria de fronte obreira. Non conseguiu desbancar a I. Prieto e aos socialistas moderados da dirección do partido, pero conservou o predominio na UGT. Elixido deputado en febreiro de 1936, tralo comezo da Guerra Civil foi xefe dun goberno de Frente Popular desde setembro dese ano e reservouse o ministerio da Guerra. Despois dos sucesos de maio de 1937 en Barcelona dimitiu e exiliouse en Francia trala guerra. Apresado polo goberno de Vichy foi entregado aos alemáns e internado no campo de Orianemburgo (1943-1945).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso
Lugar : París