Las Casas Blanco, Álvaro de
Escritor. Entre 1924 e 1925 desempeñou o cargo de secretario político do conde de Valellano. En 1930 exerceu como catedrático de Historia en Noia, onde se distinguiu polas súas campañas a prol da galeguización do ensino universitario, así como polo labor de difusión e promoción cultural entre os máis novos, como mostra a publicación de Verbas aos mozos galegos. O momento universitario (1933). En 1932 fundou, xunto con outros galeguistas como Fermín Bouza-Brey, a organización xuvenil galeguista Ultreya que, a través de viaxes culturais, promovía o estudo e coñecemento dos costumes e do folclore galego. En 1933 creou a agrupación independentista Vanguarda Nacionalista Galega e en 1934 o boletín de cultura galega Alento. Tamén nestes anos foi director da Biblioteca de Estudios Gallegos. En 1936, baixo a súa dirección e a de Carlos Villar, editáronse trece pequenos libros didácticos, a colección “Renascencia”, nos que se trata a historia, a xeografía e a literatura galegas, e un exemplar de autores latinos clásicos traducidos. Co inicio da Guerra Civil emigrou a Portugal e de alí trasladouse a Brasil e Arxentina. Desde 1936 viviu en Bos Aires, e en 1950 regresou a Barcelona. Comezou a súa traxectoria literaria coas novelas O xardín do castelo de Vidre (1926) e Ladaíña (1927), unha serie de cadros, que foron publicados en Lar, centrados na fidalguía galega, tema que tamén tratou en Xornadas de Bastián Albor (1931). Escribiu as pezas teatrais A morte de lord Staüler (1929), O outro (1930), Pancho de Rábade. Via Crucis en VI estaciós (1930, estreada en 1974 en Ribadavia polo Grupo Candea de Noia), Tres conversas (1931), onde reúne as pezas O tolo de Lastra, Dente d’ouro e A gavilla; A volta (1933) e Sabel (1934), publicadas en Nós; Matria (1935), Mitin (1936), e os monólogos en verso Teatro dos nenos (1936). Como poeta deu a coñecer Sulco e vento (1931) e o diálogo lírico Rechouchío (1936). Tamén foi autor da escolma Antología de la lírica gallega (1928), na que recolle composicións desde o ciclo trobadoresco ata a época contemporánea, labor que continuou nos volumes Cancionero popular gallego (1939) e Antología de poetas gallegos (1939). É tamén autor dunha ampla obra en castelán, tanto de creación literaria, como de investigación histórica e reflexión patriótica, da que destacan as comedias Las caracochas (1922) e Los villanos de Armentar (1923); as epístolas La ciudad de las sonrisas (1925); o diálogo Sol de media noche (1925); a novela El pazo de Lebre (1929); e as obras divulgativas Santiago de Compostela, corazón del mundo (1939), Breve historia de España (1942) e Nobles escritores españoles en América (1946). Con motivo da súa estadía en Brasil publicou algúns libros en portugués como Os dois (1938), Angustias das nosas horas (1938) e Nas labaradas do trópico (1939).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso
Lugar : Barcelona