Lausanne
Lausanne
Capital do cantón de Vaud, Suíza, situada na beira N do lago Léman ou de Xenebra (114.900 h [2001]). A cidade esténdese a partir dun outeiro que domina o lago, onde radica o núcleo antigo. É un centro terciario e residencial, e a área industrial instalouse sobre todo en Rennes, núcleo próximo. A súa importancia aumentou con motivo da apertura do túnel de Simplon (1906), que a situou na liña internacional París-Milán. Destaca tamén a súa industria hoteleira. Ten universidade desde 1537, polo que rivaliza con Xenebra como centro intelectual da Suíza francesa. É centro de convencións e congresos. En xuño e xullo de 1932 tivo lugar a Conferencia de Lausanne que anulou as reparacións de guerra.