lebre

lebre

(< lat lepore)

  1. [ANIMAL]
    1. s f

      Mamífero de tamaño medio, da familia dos lepóridos, semellante ao coello pero de maior tamaño e con patas e orellas máis longas, tendo estas últimas os extremos negros. As crías das lebres, que nacen moito máis desenvolvidas ca as dos coellos, denomínanse lebratos. En España existen tres especies, das que Lepus granatensis e L. castroviejoi, se atopan en Galicia.

    2. lebre da Patagonia [Dolichotis patagonum, Fam dos cávidos]

      Mamífero euterio da orde dos roedores que ten uns 75 cm de lonxitude, coa cabeza grande e orellas duns 10 cm que acaban en punta arredondada. Habita no centro e S de Arxentina. A súa carne é comestible.

    3. lebre das xesteiras [cast: liebre de piornal; ingl: broom hare] [Lepus castroviejoi, Fam dos lepóridos]

      Lebre de tamaño intermedio entre Lepus granatensis e Lepus europaeus, de entre 49 e 51,2 cm de corpo e 7,8 - 9,6 cm de cola e peso entre 2,60 e 3,45 kg. A cor do pelame é parda-amarela cunha maior extensión da zona branca do ventre ca na lebre europea, aínda que non de forma tan extensa como en L. granatensis. Presenta unha franxa clara distintiva na cara, entre os ollos e a parte inferior das meixelas. Ocupa un hábitat moi definido e característico das zonas de alta montaña cantábrica, áreas en que se alternan pastizais de distinta extensión con zonas de arbustos e zonas arborizadas, situadas a altitudes entre 1.000 e 1.900 m. Soamente se encontra na Península Ibérica nunha franxa restrinxida na Cordilleira Cantábrica, desde Os Ancares ata a serra de Peña Labra, entre Cantabria e Palencia. En Galicia ocupa unha estreita franxa ao L de Lugo. Antes considerábase como L. capensis e describiuse como unha especie diferenciada en 1977. Tamén é un endemismo ibérico.

    4. lebre europea [port: lebre europeia; cast: liebre europea; ingl: brown hare] [Lepus europaeus, Fam dos lepóridos]

      É a maior das lebres presentes na Península Ibérica e mide 55.8 cm de corpo e pesa 4.4 kg. Distribúese pola maior parte de Europa e parte de Asia, con excepción de Escandinavia, N de Rusia e as Illas Británicas. Na Península Ibérica substitúese polas outras dúas especies na maior parte do territorio, estando soamente presente desde a costa catalana, ao N do Ebro, ata o centro de Asturias, e desde os páramos burgaleses ata a costa cantábrica e Francia. Non está presente en Galicia.

    5. lebre ibérica [port: lebre; cast: liebre; ingl: iberian hare] [Lepus granatensis, Fam dos lepóridos]

      Lebre de ata 47 cm de longo máis 10 cm de cola. Pode pesar ata 2,95 kg, os machos, e 3,30 kg, as femias. O seu pelame é pardo-amarelo no lombo e branco ventralmente, e posúe unha mancha branca na parte posterior das extremidades. Ten hábitos nocturnos e solitarios, aínda que se poden reunir varios individuos nas zonas de alimentación. Esta consiste basicamente en poáceas, aínda que ocasionalmente pode roer plantas leñosas para conseguir algúns froitos, talos ou codias. Pasa o día encamada en depresións que ela mesma constrúe, e fai desprazamentos diarios entre estas zonas e as de alimentación. O seu ciclo reprodutor depende das condicións climatolóxicas, que á súa vez inflúen na cantidade de herba. Pódese reproducir durante todo o ano, aínda que o frecuente é que o faga entre febreiro e xuño. Ten capacidade de reabsorción embrionaria como os demais lagomorfos, a xestación dura entre 42 e 44 días e o tamaño da camada oscila entre un e cinco lebratos que non reciben coidados parentais. Habita en gran variedade de medios aínda que prefire espacios abertos, como campos, cultivos e zonas de matorral ou monte baixo. En Galicia habita nas zonas de pradería en áreas altas e zonas de matorrais a pé de monte en diferentes etapas de sucesión. Soamente se encontra na Península Ibérica, ocupando a maior parte dela, excepto unha franxa polo N e o L peninsular. En Galicia ocupa a maior parte do territorio pero en escaso número. Ten desaparecido de moitos lugares e falta ou é moi rara en boa parte dos concellos do litoral, tanto do N coma do L. Na provincia da Coruña consérvase nas áreas montañosas do L e do O. Na de Pontevedra só se conserva nos cordais das serras orientais, preto dos límites con Lugo e Ourense, provincias nas que está mellor representada. Aparece desde preto da beiramar ata os 1.000 m na serra de Larouco, 1.400 m na de Queixa e 1.600 m na do Courel, San Mamede, Eixo e Trevinca. É a máis pequena das lebres españolas e a máis estendida en Galicia. Foi considerada como Lepus capensis ata 1979, cando a partir de estudios biométricos e bioquímicos se confirmou a súa validez como especie. É, por tanto, un endemismo ibérico. Existen tres subespecies, das que Lepus granatensis gallaecicus ocupa toda Galicia e parte do occidente asturiano. En xeral, está en forte regresión por mor da forte presión cinexética á que é sometida, e polos incendios.

  2. s f [HERÁLD]

    Figura heráldica que se representa correndo ou encollida.

  3. lebre de mar [ANIMAL]

    Molusco gasterópodos de 10 a 15 cm de lonxitude, de forma maciza e co dorso moi alto e con dous pregos dérmicos do manto que o recobren completamente e a cuncha. Habita sobre rochas cubertas de algas das que se alimenta.

    Sinónimos: necha, tinteira.

Refráns

  • A lebre que has de matar, costa abaixo hala botar.
  • A lebre que se che ha de ir, costa arriba a verás fuxir.
  • A lebre vella logo colle a verea.
  • A lebre, o que na area gaña, pérdeo na auga.

Palabras veciñas

lebracho | lebrato | Lebrato | lebre | Lebre | Lebre | Lebre, alto da