Leipzig
Cidade do land de Saxonia, Alemaña (489.532 h [2000]). Está situada augas arriba da confluencia dos ríos Pleisse, Parthe e Weisse, nunha área de próspera agricultura e onde abundan os xacementos de lignito. É un importante centro industrial de química do carbón, centrais térmicas e siderurxia. Tamén destaca como centro intelectual, coa universidade fundada en 1409 e unha gran tradición musical. Posúe importantes nós de comunicacións ferroviarias. Castigada durante a Segunda Guerra Mundial, a cidade foi amplamente reconstruída, pero perdeu poboación (707.365 h [1939]). Do seu patrimonio cultural destacan o concello, reconstruído en estilo renacentista no s XVI e restaurado no s XX, actual museo histórico da cidade, as igrexas de San Nicolao (s XII) e de San Tomé, e a Casa da Bolsa (s XVII).