Leiro Lois, Francisco
Escultor. Membro dunha familia de canteiros e ebanistas, formouse na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela (1974) e despois trasladouse a Madrid, onde acudiu por libre á Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando. En 1976 formou parte do grupo FOGA, de tendencia surrealista. En 1983 participou na mostra de Atlántica en Santiago de Compostela. Instalouse en Nova York en 1987, e desde 1990 está ligado á Galería Malborough. Nas súas obras empregou materiais moi diversos, principalmente madeiras de todo tipo, das que aproveitou as súas peculiaridades, pedra, mármore, formigón e ferro fundido. Nelas recolleu a tradición da talla dos canteiros románicos e barrocos. Realizou unha obra figurativa de carácter expresionista e con distorsións relacionadas tanto coa escultura da etapa final de Michelangelo polo seu monumentalismo, como co arcaísmo tradicional, ás que engadiu as novas propostas vangardistas. Realizou exposicións individuais dentro e fóra de España e participou en numerosas mostras colectivas, como ARCO e as bienais de Pontevedra e São Paulo. Das súas obras destacan as situadas en espacios públicos, entre outras, Mis sofás (Pontevedra, 1988), Deitado, nas dependencias da Xunta de Galicia en San Caetano (Santiago de Compostela, 1989), Sireno (Vigo, 1992), Portas da Torre de Hércules (A Coruña, 1992), Porta Santa da catedral de Santiago de Compostela (1993), Bañista no Areal (Vigo, 1997), e Saavedra. Zona de descanso (1999), na Illa das Esculturas de Pontevedra. Ten obras en diversos museos e coleccións. Recibiu o Premio da Crítica de Ciencias e Artes da Representación en 1984.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cambados