Lérez, San Salvador de
Mosteiro beneditino situado en Lérez (Pontevedra). Coñecido tamén como San Bieito de Lérez, foi fundado por monxes beneditinos en 886 ou en 916, data da que se conserva unha doazón de Ordoño II ao abade Guntado. No s XVI converteuse en Colexio de Humanidades e Teoloxía, onde se formaron o padre Feijoo e frei Martín Sarmiento, ata a exclaustración de 1835. Da primitiva igrexa románica só se conservan algunhas pedras labradas nos muros que se reutilizaron posteriormente. Foi reformada no Renacemento e en épocas posteriores. Ten planta de nave única con cuberta abovedada sostida por arcos faixóns e dúas capelas que dan á nave con cubertas cupuladas, unha delas dedicada a san Bieito, e do que se conserva unha imaxe do s XVI. O retablo maior está organizado en dous corpos: o primeiro coa imaxe do Salvador, e o superior coas imaxes de san Bernaldo e san Bieito. No muro S do templo atópase pegado parte do claustro a xeito de pórtico con arcos de medio punto e unha galería superior, formada polo dobre de arcos. A fachada é barroca (1748) e nela predominan os muros lisos. Destaca a fornela que acolle a imaxe de san Bieito e o remate en forma de frontón partido con volutas, enmarcado entre dúas torres xemelgas. Nas súas inmediacións celébrase a romaría de San Bieito, o 21 de marzo e o 11 de xullo, á que acoden os devotos na busca da curación de verrugas e outras enfermidades da pel. Para iso os romeiros pasan un pano polo hábito do santo que logo restregan pola pel, ou mollan as verrugas no aceite que se queima á entrada da capela. Foi proclamado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1946. Na tradición oral recóllense as cantigas populares: “Se vas a San Benitiño / non vaias ao de Paredes / que hai outro máis milagreiro / no conventiño de Lérez” e “O San Benito de Lérez / o que lle foron armar: / que tiña un homiño morto / debaixo do seu altar”.