letón -na

letón -na

(< topónimo Letonia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Letonia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Letonia.

  3. s m [LING]

    Lingua báltica, da familia baltoeslava do phylum indoeuropeo, que se fala en Letonia. Está dividida en tres variedades dialectais: a oriental (augszemnieku), a central (vidus), base da lingua literaria, e a occidental (tamnieku). O primeiro texto escrito en letón é unha tradución de 1585 do Catechismus Catholicorum, de san Pedro Canisio, e un catecismo luterano de 1586. En 1922 o sistema ortográfico, de orixe alemana, con caracteres góticos, foi substituído polos caracteres latinos, con algúns signos diacríticos.

  4. arte letona [ARTE]

    Arte desenvolvida en Letonia. A arquitectura, de madeira entre os ss IX e XII, recibiu a influencia da escandinava e da alemá ao ser empregada a pedra desde o s XIII, pero as outras artes quedaron aferradas á tradición. Baixo o dominio ruso, sufriu a influencia dos artistas europeos (B. Rastrelli e G. Quarengui). No s XIX houbo un intento de pintura nacionalista, con K. Goun (1830-1877), I. Fedders (1838-1909) e A. Baumanis (1866-1904). Na época soviética a arte participou do realismo socialista.

  5. literatura letona [LIT]

    Literatura desenvolvida en lingua letona. No s XVI foron publicados dous catecismos en letón (1585 e 1586). Co renacemento cultural e político de finais do s XIX apareceron as primeiras obras literarias desde o s XIII, cando se produciu a perda da independencia nacional. Destacan os poetas Auseklis, Krišjānīss Barons e Jēkabs Lautenbachs. O patriotismo antirruso tomou unha orientación social coa Nova Corrente, en que destacaron o poeta Rainis e a poetisa Aspazija. Os primeiros novelistas foron os irmáns Reinis e Matīss Kaudzīte, e despois Andrievs Niedra, Utipis e o dramaturgo Blaumandis. No período de entreguerras destacaron os novelistas A. Brigadere J. Janševskis e Svabe, poeta e director da Enciclopedia Letona (1955). A independencia letona provocou un florecemento da literatura nacional, representada polos novelistas K. Zarinš e J. Ezerinš, e polos poetas A. Čaks, Médeniss e A. Eglītis. En 1940, cando Letonia se converteu nunha república soviética, moitos escritores emigraron a Suecia, como o dramaturgo Zīverts e diversos poetas. Quedaron os novelistas V. Lācis, A. Sakse e outros. O teatro está representado por E. Grigulis, J. Vanags, A. Balodis e A. Brodele. A principios do s XXI, a produción editorial de Letonia, que conta con algo menos de tres millóns de habitantes, xeraba apenas 200 novidades anuais de narrativa, das que unha parte importante, son traducións. Dos autores máis novos sobresaen o tradutor e xornalista Emil Tode, e os escritores Ilze Purmaliete e Uldis Berzins, que combinan nas súas obras diversas disciplinas creativas.

  6. música letona [MÚS]

    Arte musical cultivada en Letonia. A tradición popular céntrase en cancións ou dainas que se remontan á Idade Media. Instrumentos populares típicos son os kokles ou arpa, os bungas ou timbais ou diversos tipos de trompas. Máis tarde, a influencia xermánica e italiana dominou a vida musical, centrada sobre todo en Rīga, onde Wagner foi director de orquestra entre 1837 e 1839. A dominación rusa restrinxiu a vida cultural ata a independencia de 1918. Ao ano seguinte foi inaugurada a Ópera de Rīga. De seguido destacaron diversos autores, como A. Kalininš, autor de óperas como Banuta (1920) e Hamlet (1936), F. Medinš e A. Jurjanš, musicólogo e autor de música sinfónica. En 2002, a cantante Marija Naumova foi a gañadora do Festival de Eurovisión.

Palabras veciñas

letífico -ca | Leto | Leto, Pomponio | letón -na | Letonia | letra | letra