Levantamento de 1846

Levantamento de 1846

Pronunciamento progresista que se iniciou o 2 de abril de 1846 en Lugo coa sublevación do segundo batallón do Regimiento de Zamora. O comandante Miguel Solís liderou as tropas, ao tempo que se constituíu unha Xunta presidida por Manuel Becerra e un novo goberno municipal. A sublevación espallouse con rapidez por Galicia e nos días seguintes as cidades de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui apoiaron o pronunciamento. O 15 de abril celebrouse unha asemblea en Santiago de Compostela presidida por Solís, na que se constituíu a Xunta Superior do Goberno de Galicia, baixo a presidencia de Pío Rodríguez Terrazo. Ao mesmo tempo, creáronse dous corpos do exército, un dirixido por Rubín de Celis, que marchou cara a Ourense, e outro, ao mando de Solís, o Libertador de Galicia, que se dirixiu á Coruña e Ferrol. Despois do fracaso nos intentos de conquistar as tres cidades, a Xunta Superior nomeou a Solís capitán xeneral de Galicia e xefe supremo do exército, e decidiu que os dous corpos do exército se unisen para enfrontrarse coas tropas do goberno, dirixidas polo xeneral Concha. Inicialmente Solís acantoouse en Santiago de Compostela, pero despois dirixiuse a Cacheiras, onde se produciu o enfrontamento o 23 de abril. As tropas de Solís foron derrotadas e retiráronse cara a Santiago de Compostela, mentres que Solís se entregou. Os principais dirixentes do pronunciamento foron xulgados por un tribunal militar que se instalou en Carral e morreron fusilados o 26 de abril.

Palabras veciñas

levantado -da | levantador -ra | levantamento | Levantamento de 1846 | levantar | levante | Levante