Líbano

Líbano
Nome científico: [nome oficial: República de Líbano; ár: al-Gumhūrīya al-Lubnānīya]

Estado de Oriente Medio que limita ao O co Mar Mediterráneo, ao N e ao L con Siria e ao S con Israel (10.400 km2; 3.328.000 h [estim 2001]). A capital é Beirut.
Xeografía física
É un país montañoso dividido en catro rexións: a franxa litoral de topografía plana; os montes de Líbano que se estenden de N a S, con suaves pendentes e socalcos ao O e pendentes abruptas ao L que culminan no Qurnat al-Sawdā´ (3.083 m alt); a Al- Biqā´, un amplo val atravesado polos ríos Orontes e Lī Palatino; ṭ ānī; e a cordilleira Antilíbano, que se estende ao longo da fronteira con Siria. O clima é mediterráneo costeiro, na transición co continental de interior. As precipitacións son máis abundantes nas vertentes occidentais do país.
Xeografía económica
A agricultura é a principal actividade económica, pero a superficie cultivada está limitada pola falta de auga e pola topografía do terreo. O trigo foi ata finais da Guerra Civil (1975-1976), o principal cultivo, pero soamente cobre un terzo das necesidades; ademais cultívanse cítricos, remolacha azucreira, hortalizas, patacas, tabaco, viña e oliveiras. Os famosos bosques de cedros reducíronse a pequenas manchas. Na gandería, destinada principalmente á produción cárnica, destacan as aves de curral, o bovino e o ovino, que como a pesca teñen unha escasa importancia no conxunto xeral da economía. Os recursos mineiros son escasos e a industria céntrase na transformación de produtos agrícolas, no sector téxtil, no cemento e nas refinerías de petróleo. As principais fontes de ingresos do país son o comercio, a través do porto franco de Beirut, e as finanzas, especialmente as que proceden do frete dos barcos, dos ingresos dos emigrantes, dos dereitos das compañías petrolíferas cos oleodutos que atravesan o país, e da constante expansión do turismo desde finais de 1974. Beirut é o porto principal e posúe aeroporto internacional.
Xeografía humana
Líbano é o país máis densamente poboado de Oriente Medio. O 30% do total habita nas grandes cidades de Beirut, Trípoli e Palatino; Ṣ aydā, e o 10,3% é rural.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o árabe (93%). Os armenios representan o 6% e outros grupos completan o mapa étnico co 1%. A lingua oficial é o árabe, aínda que tamén se fala o francés e o inglés. A relixión maioritaria é a musulmá (45,3%), fronte aos católicos (23,4%), ortodoxos (11,2%), drusos (7%), a seita musulmá disidente dos ismailitas, e outras relixións (3,1%). A educación é gratuíta pero non obrigatoria. No curso 1998-1999, 394.505 alumnos estudiaban en 2.160 escolas primarias, cunha taxa de escolarización en secundaria do 89%, mentres que 112.022 realizaban estudios universitarios.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 65º posto cun índice do 0,758). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 68 anos para os homes e de 73 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 86% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 78% e o PNB por habitante é de 3.700 $ EE UU.
Goberno e política
É unha república parlamentaria. Segundo a Constitución de 1926, revisada en 1943 e 1990, o presidente da república debe ser un cristián maronita, o primeiro ministro un musulmán sunnita e o presidente da asemblea un musulmán xiíta. O equilibrio confesional mantense no reparto de poderes, que afecta tamén a Majlis Alnwab (Asemblea de Representantes), onde os deputados se dividen equitativamente entre cristiáns e musulmáns. O poder executivo repártese entre o presidente da república e xefe do estado, e o Consello de Ministros. O mandato do presidente ampliouse de seis a nove anos despois da modificación da Constitución en 1995. O poder lexislativo reside nun parlamento unicameral, Majlis Alnwab, formado por 128 membros elixidos por voto directo polas comunidades relixiosas para un mandato de 4 anos, do que un 50% son cristiáns e o outro 50% musulmáns. O sistema xudicial baséase nunha serie de principios de orixe diversa, en que se mestura o código otomano e o dereito napoleónico. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza e permanece en vigor a pena de morte. Os principais partidos políticos son os islámicos e extremistas Hizb Allah ou Hezbolá (Partido de Deus); os islamistas El-Amal (A Esperanza); os autoritarios Hizb al-Baath al-Arabi al-Ishtiraki’ (Partido Socialista árabe Baas); os liberais Hizb al-Ahrar al-Watani (Partido Nacional Liberal); os socialdemócratas Hizb al-Taqadummi al-Ishtiraki (Partido Progresista Socialista) e os cristiáns Kataeb. Tamén conta con grupos minoritarios como o Free Patriotic Movement, Guardians of the Cedar, Lebanese Democratic Movement, Lebanese Forces, Kurdish Democratic Party in Lebanon e o Syrian Social Nationalist Party (SSNP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica e ONU.
Historia

As orixes
Poboado polos fenicios desde 2700 a C, foi invadido por diversos pobos, como os hititas, os exipcios e os persas. Conquistado por Alexandre o Grande en 332 a C, estivo sometido aos gregos ata 63 a C, cando se converteu en provincia romana. Integrado no Imperio Bizantino desde 395 a C, a rexión foi anexionada polos musulmáns entre 636 e 705.
O dominio musulmán
Apoiados no sector cristián maronita da poboación, os cruzados tomaron o país a finais do s XI e repartiron o territorio entre o Condado de Trípoli, que ocupou o N do país, e o Reino de Xerusalén, que se estendeu polo S. Derrotados e expulsados polos musulmáns (1291), integrouse no Imperio Otomano en 1516. Transformado en emirato sometido ao dominio turco, coñeceu entre 1590-1633 un novo período de apoxeo durante o que os cristiáns maronitas e os drusos acadaron a igualdade de dereitos. Os conflitos entre drusos e maronitas incrementáronse durante o dominio turco e en 1858 os campesiños maronitas foron masacrados nunha rebelión contra o sistema feudal.
A colonización francesa e a formación do estado independente
Co pretexto de protexer a comunidade maronita das matanzas dos drusos, os franceses interviron na rexión en 1860 e acadaron un acordo cos turcos (1861), polo que estableceron a súa influencia sobre esta rexión. A Conferencia de París (1919) atribuíu o protectorado sirio-libanés a Francia, que instituíu unha república parlamentaria onde os maronitas acadaron unha posición privilexiada confirmada pola constitución de 1926, que estipulaba que o presidente da república fose desta comunidade e que as outras confesións relixiosas contasen con representantes na asemblea lexislativa. A independencia non foi efectiva ata a evacuación total das tropas francesas (1946).
O establecemento da democracia
Despois da derrota dos exércitos árabes, entre eles o libanés, na guerra contra o Estado de Israel (1948-1949), Líbano recibiu arredor de 170.000 refuxiados palestinos. Na década de 1950 as diferencias étnicas e relixiosas provocaron insurreccións contra o presidente maronita e pro-occidental Camille Chamoun (1958), inspiradas polos réximes nacionalistas pro-soviéticos de Siria e Exipto. O desembarco de tropas de EE UU para apoiar o presidente orixinaron protestas da URSS, e forzaron a retirada das tropas e a substitución do presidente. Despois da derrota árabe na Guerra dos Seis Días (1967), e o masacre dos palestinos en Xordania (1970) incrementouse o número de refuxiados palestinos en Líbano. As actividades dos fedaíns e das milicias da dereita maronita provocaron unha constante inestabilidade económica. En 1975 a crise levou á creación dun goberno militar, substituído coa reelección de Karami como xefe de goberno.
A Guerra Civil e a reconstrución das institucións políticas
Os conflitos entre as diversas etnias e relixións, a cuestión de Palestina e a crise económica, política e social do país, xunto coa inxerencia dos estados veciños provocaron o estoupido dunha guerra (1975-1976) entre cristiáns, apoiados polo exército de Siria que ocupou Beirut, e palestinos. A elección como presidente de Elias Sarkis (1976) non mellorou a situación, e desde 1977 Siria apoiou os palestinos. Mentres, os ataques da OLP ao territorio de Israel e as operacións de castigo deste país en Líbano forzaron o envío das forzas de pacificación da ONU (1978), que non tiveron éxito. En xuño de 1982 Israel invadiu Líbano e fixo que a OLP se retirase. Baixo a presidencia de Amin Gemayel, que sucedeu o seu irmán en 1982, Israel retirouse de Líbano (1985) e a OLP iniciou unha ofensiva sobre diversas poboacións do N de Israel (1986). Isto incrementou os enfrontamentos entre xiítas de Hezbolá e Amal, as forzas da ONU e a OLP polo control dos campos de refuxiados, e a aviación israelí continuou bombardeándoos para neutralizar a OLP. Os conflitos entre as diferentes faccións prolongáronse ata que en 1996 a presión dos países árabes veciños conseguiu que asinasen o cesamento do fogo. Nas eleccións que se produciron a continuación foi elixido presidente Elias Harawi, favorable á presenza militar siria. Os novos enfrontamentos entre a guerrilla de Hezbolá e as tropas de Israel continuaron e levaron á aprobación pola ONU dunha resolución condenatoria de Israel.
O goberno de Émile Lahoud
En outubro de 1998 o Parlamento elixiu presidente ao comandante Émile Lahoud, que garantiu a continuidade das boas relacións con Siria, reformou a Constitución e reforzou os poderes do presidente. Esta medida provocou a dimisión do primeiro ministro Rafiq-al-Hariri, en novembro de 1999, substituído por Selim el-Hoss. En marzo de 2000 o gabinete israelí aprobou a retirada das súas tropas do S do Líbano, e abandonaron a zona de seguridade o 24 de maio de 2000, malia non ter acadado ningún acordo co goberno libanés. Despois das eleccións lexislativas de agosto e setembro de 2000 o presidente Lahoud nomeou de novo primeiro ministro a Hariri. Os enfrontamentos do goberno cos grupos da oposición, especialmente cristiáns, fixeron que se constituíra en abril de 2001 a coalición opositora Qornet Shehwan que apoiou unha redefinición nas relacións con Siria, buscando a igualdade. Os enfrontamentos entre o presidente Lahoud e o primeiro ministro Hariri prolongáronse en 2002 pola impopular reforma fiscal iniciada por Hariri.