Liber Iudiciorum
Compilación de leis realizada no s VII, no Reino Visigodo, por iniciativa de Recesvinto no VIII Concilio de Toledo (653) para unificar a lexislación dos godos e dos hispano-romanos. Dividíase nun título preliminar e 12 libros, subdivididos en 54 títulos e 578 leis. Os diversos elementos que o integran conservan a súa personalidade e a súa indicación de procedencia. Contiña 324 leis procedentes do anterior código godo, denominadas antiquae; 99 leis elaboradas en vida de Khindasvinto, 87 leis propias de Recesvinto, 3 leis de Recaredo, e 2 de Sisebuto. Ocúpase do dereito político, civil, penal e procesual e afecta a algúns aspectos do dereito eclesiástico. Con Ervixio producíronse importantes modificacións nas leis do código, polo que desde esa época pasou a denominarse Código de Ervixio. En Castela o Liber Iudiciorum foi coñecido tamén como o Forum Iudicum ou Lex Visigothorum, satisfixo plenamente as necesidades lexislativas e coexistiu durante moito tempo cos foros e usos que se foron implantando. En 1778 Carlos III recoñeceu a súa vixencia sempre que fose xustificada a súa observación.