Libia

Libia

Estado do N de África, situado entre o Mar Mediterráneo ao N, Exipto ao L, Sudán ao SL, Chad e Níxer ao S, Alxeria ao O e Tunisia ao NO (1.757.500 km2; 5.605.000 h [estim 2001]). A capital é Trípoli.
Xeografía física
O relevo está formado por un antigo bloque arrasado en parte e afundido pola tectónica en diversas seccións, formando relevos tabulares, como os altiplanos de Cirenaica e Tripolitania, de escasa altitude. Entre estos e o mar existe unha chaira costeira ou sahel, cunha sucesión de concas pechadas. Ao S o Palatino; ǧ abal descende cara ao oasis, que marca o límite N do deserto. Pódense diferenciar tres tipos de deserto: o deserto de rochas ou de hamada, o deserto de area ou erg e o deserto de pedras ou serir. O clima está determinado polas influencias mariñas na franxa costeira, con precipitacións modestas. O interior, sometido á influencia continental do Sáhara, experimenta unha forte oscilación térmica diúrna e estacional e as precipitacións son practicamente inexistentes. O país está baixo a influencia dun vento cálido e seco do deserto, o ghibli. As augas superficiais redúcense a algúns uadis da época de choivas mentres que as augas subterráneas teñen máis importancia, pois afloran en pozos dando lugar aos oasis.
Xeografía económica
A agricultura só ocupa o 1% da superficie e está restrinxida pola carencia de auga; aínda así cultívase orxo, patacas, viña, oliveiras, dátiles, tomates, cacahuetes, tabaco e cítricos. A gandería está suxeita ás variacións climáticas, e destaca o armentío ovino, caprino, bovino e de camelos. Ten relativa importancia a exportación de peles e destaca a pesca do atún e das esponxas. O petróleo é o principal recurso económico do país e representa case a totalidade das exportación. Tamén son importantes as reservas de gas natural. A industria baséase no tabaco, no aceite e nas peles. Os fortes ingresos achegados polo petróleo fan que se poñan en marcha plans de desenvolvemento doutros sectores, como os transportes, as comunicacións e a mellora do nivel de vida. O PNB por habitante é o máis elevado da África mediterránea.
Xeografía humana
A densidade de poboación é unha das máis baixas do mundo, e concéntrase na costa e nos oasis, sendo case na súa totalidade poboación urbana, o 87,6% (2000). O país recibe gran número de emigrantes que proceden principalmente de Tunisia e Exipto.
Goberno e política

Diversidade étnica e cultural
A etnia maioritaria no país son os libios (79%). Os bérberes supoñen o 1% e outros grupos o 20%. O árabe é a lingua oficial. O 97,1% da poboación é musulmá sunnita, mentres que o 2,9% profesa outras relixións. A educación primaria é gratuíta e obrigatoria. Durante o curso 1998-1999, 821.775 alumnos estudiaban nas 4.164 escolas de primaria, atendidos por 97.334 profesores. En Libia hai cinco universidades.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúaa entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 59º posto cun índice do 0,77). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 69 anos para os homes e de 73 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 80% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 92% e o PNB por habitante é de 5.540 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia italiana independente desde o 24 de decembro de 1951, segundo a Constitución aprobada o 11 de decembro de 1969 e reformada o 2 de marzo de 1977 a denominación do país pasou de República Árabe Libia á Jamāhīrīya Árabe Libia Popular e Socialista. En 1986 engadíuselle o calificativo de Grande. O sistema político da Jamāhīrīya, ou estado das masas, é un sistema de goberno popular directo en que o pobo exerce o poder segundo a terceira teoría universal do Libro Verde do coronel Moammar al-Gaddafi, nunha mestura de conceptos asemblearios, socialistas e islámicos. O poder executivo reside no Mu’tammar al-sha’ab al ‘âmm (Congreso Popular Xeral), designado polos Congresos Populares Básicos que se celebran en cada barrio ou municipio e en que se elixe un Comité Xeral ou Consello de Ministros e un secretaría xeral. En 1996 creáronse os Comités de Depuración, encargados de reprimir a corrupción. O sistema legal baséase nas leis civís italianas e na šarī’a ou lei islámica. Existen tribunais revolucionarios e militares que actúan á marxe do sistema e se ocupan das ofensas e dos crimes contra o estado. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza e está en vigor a pena de morte. Non existen partidos políticos nin se celebran eleccións. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: OPEP, Liga Árabe, OUA e ONU.
Historia

As orixes
Poboada desde o II milenio a C por cretenses, exipcios e fenicios nas rexións costeiras da Cirenaica e na Tripolitania, posteriormente establecéronse os cartaxinenses e os gregos, que impulsaron unha activa vida urbana e un comercio intensivo co interior do continente africano. Sometida polos romanos, permaneceu no seu poder ata que foi conquistada polos vándalos en 455. O proceso de desertización iniciado nos primeiros séculos da era cristiá, acentuouse entre os ss V-VII.
A islamización e o dominio turco
Reconquistada polos bizantinos no s VI, foi sometida polos musulmáns entre 642 e 647 ao tempo que se estendía a desertización polo país. Os normandos conquistaron parte das rexións costeiras en 1146, pero tiveron que abandonalas fronte á presión dos almohades. Nos séculos seguintes o territorio sufriu diversos ataques e conquistas ata que en 1510, Trípoli foi ocupada pola monarquía hispana. Cedida polo Emperador Carlos V aos cabaleiros de Malta (1530), foi sometida polos turcos en 1551, que unificaron o territorio libio e centralizaron o poder en Trípoli. O dominio dos sultáns otomanos mantívose ata comezos do s XVIII, cando unha dinastía local se fixo co goberno (1711). Os otomanos restableceron o seu dominio sobre Libia en 1835, mentres no interior do país desenvolveuse unha irmandade musulmá de carácter clandestino denominada senussí que promoveu a resistencia contra o goberno turco e acadou o control dos territorios de Cirenaica e Fezzān.
A conquista italiana
A expansión colonial europea iniciouse coa ocupación polos italianos durante a Guerra Italoturca (1911-1912), confirmada polo Tratado de Lausanne (1912), pero viuse limitada inicialmente ás cidades costeiras, mentres no interior mantivéronse activos os focos de resistencia dos senussís. O goberno fascista de Mussolini promoveu a ocupación sistemática do país desde 1923 e, malia que acadou o dominio na Tripolitana, fracasou no intento de controlar a Cirenaica pola oposición dos senussís. Os enfrontamentos prolongáronse ata 1931, e desde 1934 enviáronse a Libia continxentes de colonos italianos. Na Segunda Guerra Mundial producíronse importantes combates en Libia entre os exércitos xermano-italianos e os aliados, apoiados polos senussís. Despois da expulsión dos italianos (1943), o control do territorio repartiuse entre Francia, que administraba o Fezzān desde o Chad, e Reino Unido que controlaba a Cirenaica e a Tripolitania.
A creación do estado libio
En 1951, despois de longos debates na ONU, o país acadou a independencia e converteuse nunha monarquía constitucional rexida por Idrīs I, xefe da irmandade dos senussís. O descubrimento de importantes xacementos petrolíferos pola compañía Esso Standard Oil na Tripolitania e na Cirenaica (1959) modificou a economía do país, multiplicou os ingresos estatais e permitiulle ao goberno libio desprenderse da tutela anglo-estadounidense e adoptar unha política panarabista. En 1969 un grupo de oficiais, comandados por Moammar al-Gaddafi, destronaron a Idrīs I e proclamaron a república.
O goberno de Moammar al-Gaddafi
O programa do novo réxime caracterizouse pola neutralidade exterior, a unidade nacional, a prohibición dos partidos políticos, a evacuación das bases militares británicas e de EE UU e a explotación da riqueza petroleira nacional en beneficio do pobo. Na década de 1970 o réxime militar adoptou un ambicioso programa de obras públicas, dotación de servicios sociais e extensión da terra cultivable. En 1971 deuse unha expropiación parcial da industria petroleira en mans estranxeiras e produciuse un intento de federación con Exipto e Siria, pero este proxecto fracasou ao ano seguinte. En abril de 1973 al--Gaddafi proclamou a Revolución Cultural Libia e publicou o Libro Verde, en que expuña unha orixinal concepción do Islam. Despois da Guerra Árabe-israelí de 1973 achegouse progresivamente á URSS e desenvolveu a revolución cultural coa creación de comités e congresos populares inspirados nos principios do Islam. En 1976 creou o Mu’tammar al-sha’ab al ‘âmm, máximo órgano lexislativo, que o elixiu como xefe do estado (1977). Desde 1980 interveu na guerra civil en Chad, en Tunisia e en Sudán (1983) e enfrontouse co exército francés durante unha nova serie de intervencións en Chad (1983-1984). A partir de 1987 desenvolveu unha política transixente co resto dos países árabes. Así, reconciliouse con Arafat e iniciou relacións con Alxeria. EE UU acusou a Libia de fomentar o terrorismo internacional e impuxéronlle fortes sancións económicas. En 1986 EE UU bombardeou instalacións militares na costa libia e a residencia familiar de al-Gaddafi. En febreiro de 1989 asinou o Tratado de Unión do Magreb Árabe, mentres se produciron novos enfrontamentos aéreos con EE UU.
O illamento internacional
O Consello de Seguridade da ONU decretou un embargo internacional como sanción polo atentado de Lockerbie (1991), que tivo importantes consecuencias para a economía nacional. As tensións socioeconómicas deribaron nun incremento da xenofobia e da violencia polos grupos integristas, que se sublevaron na Cirenaica en xuño de 1995. En novembro dese ano o Consello de Seguridade da ONU decidiu manter as sancións impostas a Libia en 1992 pola súa continua negativa a entregar a EE UU ou Reino Unido os sospeitosos do atentado aéreo de Lockerbie. A pesar do illamento, Moammar al--Gaddafi non liberalizou o seu réxime. En marzo de 1996 asinou un acordo de cooperación económica con Rusia e en 1997 restableceu as relacións diplomáticas co Vaticano.
A reintegración na comunidade internacional
En abril de 1999 Libia aceptou o xuízo dos dous cidadáns libios sospeitosos de protagonizar o atentado de Lockerbie e o Consello de Seguridade da ONU levantou as sancións económicas. En marzo de 2000 al-Gaddafi anunciou unha nova ordenación administrativa pola que se mantiñan só cinco ministerios: Xusticia e Interior; Información, Turismo e Cultura; Relacións Exteriores e Cooperación Internacional; e Unidade Africana e Facenda. En xaneiro de 2001 un dos cidadáns libios foi condenado polo atentado de Lockerbie. A normalización das relacións internacionais libias levou a que al-Gaddafi enviase un continxente de tropas para axudar o presidente da República Centroafricana en maio dese ano, despois dun intento de golpe de estado. En agosto de 2002 o goberno libio declarou que estaba disposto a pagar unha compensación ás familias das víctimas de Lockerbie. En xaneiro de 2003, Libia asumiu a presidencia na Comisión de Dereitos Humanos da ONU,   coa oposición de EE UU e, a finais de ano, o goberno anunciou que abandonaría os   programas de desenvolvemento de armas de destrución masiva.