librecambismo
(
Doutrina económica que se basea no librecambio pola que non se deben impedir as importacións nin obstruír as exportacións. Ataca á existencia de aranceis, ás restricións cuantitativas e de outros medios que limitan a circulación de produtos entre os países, pero xustifica a existencia de controis e imposicións con obxectivos fiscais ou sanitarios. No s XVII empregouse para indicar a libre entrada nos gremios e compañías de comercio, e máis tarde como o dereito de comerciar co estranxeiro á marxe das compañías comerciais. Tomou corpo durante o s XVIII a través da fisiocracia (laissez faire, laissez passer, la monde va par lui-même) e Adam Smith, que estableceron que a división internacional do traballo leva a unha maior especialización e, polo tanto, a unha asignación máis racional dos recursos e a un nivel de vida máis elevado. A. Hamilton falou da protección das industrias novas (1791), o que deu paso ao proteccionismo. O librecambismo foi unha constante da teoría económica ata J. M. Keynes, quen valorou máis o pleno emprego. Os métodos para promover un comercio máis libre son a redución unilateral das barreiras comerciais, os tratados comerciais bilaterais ou dun grupo de países e a negociación multilateral.