Lidia
Lidia
Antiga rexión de Asia Menor, situada entre Caria, Frixia e Misia. Ocupaba os territorios comprendidos entre o golfo de Edremit ao N e o río Küçük Menderes ao S, con capital en Sardes. Acadou o seu maior esplendor durante o reinado de Creso e despois dos seus enfrontamentos cos gregos (560-546 a C) incorporou Xonia. Conquistada por Ciro, converteuse nunha satrapía dos persas ata a chegada de Alexandre o Grande. Integrada en distintos reinos helenísticos, en 133 a C pasou a formar parte da provincia romana de Asia.