Liguria

Liguria

Rexión de Italia setentrional, que comprende as provincias de Savona, Xénova, Imperia e La Spezia (5.421 km2; 1.560.748 h [2001). A capital é Xénova. Constitúe unha rexión marítima que se estende desde Provenza, ao O, ata Toscana, ao L, formada por unha estreita franxa costeira que bordea o mar de Liguria. Protexida polas montañas, goza dun clima de temperaturas suaves, sobre todo na franxa costeira. No interior, coa altitude, os invernos son máis rigorosos. Os ríos son curtos e de réxime torrencial, destacan o Magra e o Roia. É a rexión máis poboada de Italia pero está concentrada maioritariamente na costa. A agricultura está en regresión, só na costa destacan os cultivos intensivos de hortalizas, froitas e flores. As principais riquezas son a industria e o comercio, que teñen como base os portos de Xénova, Savona e La Spezia. Na industria destacan a metalúrxica, siderúrxica, química, alimentaria e o comercio. A actividade turística é tamén importante. Habitada na Antigüidade polos ligures, non se viu gravemente afectada polas invasións bárbaras e en 553 foi ocupada polos bizantinos. Dominada sucesivamante polos lombardos (641) e os francos (774), posteriormente pasou a depender do Sacro Imperio Romano-Xermánico, pero o poder disgregouse nas mans dos señores laicos e eclesiásticos. Devastada polas incursións dos musulmáns (ss VIII-X), as cruzadas permitiron o desenvolvemento da rexión e a aparición de comunas autónomas, como Xénova, Savona e Noli. A república de Xénova tentou impoñer o seu dominio sobre a rexión. A política ligur oscilou entre os grandes poderes veciños e mantivo a súa independencia, a pesar de breves períodos de dominación estranxeira, ata que se integraron no Reino dos Savoia.