Limia, comarca da

Limia, comarca da

Comarca do SL de Galicia, situada no S da provincia de Ourense. Limita ao N coas comarcas de Allariz-Maceda (concellos de Allariz, Baños de Molgas, Maceda e Xunqueira de Ambía) e Terra de Caldelas (concello de Montederramo), ao L coa comarca de Verín (Cualedro), ao S con Portugal e ao O coas comarcas de Baixa Limia (concellos de Bande e Muíños) e Terra de Celanova (concellos da Bola, A Merca e Verea). Abrangue unha superficie de 794,2 km2en que acolle a unha poboación de 24.373 h, distribuída entre os concellos de Baltar (94 km2; 1.233 h), Os Blancos (47,6 km2; 1.190 h), Calvos de Randín (97,7 km2; 1.240 h), Porqueira (43,3 km2; 1.144 h), Rairiz de Veiga (67,8 km2; 1.799 h), Sandiás (52,8 km2; 1.670 h), Sarreaus (74,6 km2; 1.789 h), Trasmiras (56,7 km2; 1.829 h), Vilar de Barrio (106,7 km2; 1.974 h), Vilar de Santos (20,7 km2; 986 h) e Xinzo de Limia. (132,2 km2; 9.519 h). O acusado carácter rural desta comarca impediu a conformación de núcleos urbanos de entidade, coa única excepción de Xinzo de Limia. Esta vila acolle os principais servicios da comarca, tanto de carácter privado como público. Impulsada historicamente pola súa localización a carón da Ruta da Prata, continuou medrando polo desenvolvemento ao seu redor dunha agricultura intensiva baseada na pataca.
Xeografía física
A unidade principal do relevo desta comarca é a depresión da Limia, amplo territorio que ocupa o centro e N e que está marcado pola horizontalidade e o predominio de solos sedimentarios. Ten unha orientación NO-SO e unha altitude media ao redor dos 600-700 m. A pesar da súa planicie esta depresión pódese dividir en dous sectores que parte do rebordo NL e chega ata as proximidades da vila de Xinzo de Limia onde destacan as elevacións Barichanca (855 m), Penedo de Arangaño (808 m), alto da Medorra (781 m) e A Pena (757 m). O primeiro sector ocupa o O e o N da depresión e corresponde en boa parte á desecada lagoa de Antela continuada cara ao O polo curso do río Limia; o segundo sector esténdese polo L e S e correspóndese coa cabeceira deste río. O resto do territorio comarcal, que coincide coa periferia da depresión, está formado por unha serie de serras que separan a conca do Limia da de outros ríos. No N as altitudes son modestas e prolónganse ata as comarcas veciñas. Cara ao O, no límite dos concellos de Vilar de Santos e Sandiás acádanse altitudes arredor dos 800 m. A comarca non remata na conca do Limia, o concello de Vilar de Barrio pertence en boa parte ao val de Arnoia, onde se atopa a serra de San Mamede e a máxima elevación da comarca con 1.618 m. No L atópanse os relevos que separan a conca do Limia da do Támega e no S, a serra de Larouco. O S correspóndese co territorio de relevo máis accidentado onde se atopan dúas aliñacións montañosas paralelas con dirección practicamente O-L. Unha primeira, máis setentrional e con altitudes entre os 900-1.000 m, culmina no sector central con elevacións superiores aos 1.200 m; e unha segunda no S, no límite con Portugal, que se prolonga cara ao O pola serra de Larouco, con altitudes comprendidas entre os 900 m e os 1.500 m. Entre ambas as dúas serras esténdese un corredor deprimido con altitudes entre os 800 e os 900 m, e que no seu sector occidental e central está ocupado polo río Salas cunha dirección L-O, mentres que o oriental está ocupado polo Rousia (denominado Campelos no seu tramo final) cunha dirección SO-NL. A rede hidrográfica correspóndese case integramente coa conca do río Limia, concretamente coa súa parte superior, e caracterízase por ser un curso tranquilo e de pendente moi suave dada a planicie do relevo. O río Limia nace a escasa altitude (pouco máis de 900 m), percorre de NL a SO o concello de Sarreaus e recibe pola esquerda o río Lodoselo, e augas abaixo, xa no concello de Xinzo de Limia e pola mesma beira acolle o rego da Veiga que rega os concellos de Sarreaus, Trasmiras e Xinzo de Limia. Á altura da vila de Xinzo de Limia recibe tamén pola mesma banda o Nocelo, denominado Mouril ou Auroa, no seu percorrido polo concello dos Blancos, e o Faramontaos, importante tributario do Limia. Máis abaixo toma as augas do rego da Ribeira e do río Grande, aínda no concello de Xinzo de Limia. Finalmente en Porqueira úneselle o Firbeda. Pola marxe dereita o número de tributarios é sensiblemente menor debido ao efecto barreira do pequeno resalte montañoso e a presenza da antiga lagoa de Antela. Augas abaixo da capital comarcal recibe o rego Lameiras en Vilar de Santos e o río Bidueiro. Pero a conca do Limia non remata aquí, o río Salas forma unha subconca no S da comarca que se estende polo O de Baltar e Calvos de Randín. Neste sector acolle o rego Forzaus, e os ríos Calvos, Mosteiro e Barxa. Gran parte de Vilar de Barrio está atravesada polo curso alto do río Arnoia, que nace nunha área bastante accidentada integrada na vertente S da serra de San Mamede e que só recibe neste breve tramo o rego da Quintela pola esquerda. A desecación da lagoa de Antela supuxo unha profunda modificación na hidrografía comarcal, espazo lacustre que ocupaba unha notable extensión do territorio comarcal substituída por espacios destinados ao cultivo da pataca. Os cursos fluviais que desembocaban nesta lagoa prolongáronse artificialmente e pasaron a ser canais nun territorio antes ocupado pola auga. O seu clima pode considerarse oceánico continental na depresión da Limia, pasando a oceánico de montaña nos relevos circundantes. As precipitacións son baixas para o contexto galego no fondo da depresión da Limia (arredor dos 800-900 mm), e algo superiores nos relevos circundantes (ó redor dos 1.200 mm). Respecto ás temperaturas son bastante frescas (10,6°C de media anual, 4,6°C para o mes máis frío e 17,7°C para o máis calido). A vexetación na depresión da Limia está condicionada en boa medida pola acción do home. Os espacios destinados a cultivos esténdense pola meirande parte deste territorio, antes ocupado por vexetación autóctona e nas marxes da antiga lagoa por especies lacustres. Nos relevos montañosos tamén actuou a man do home, as formacións dominantes son os piñeiros, resultado da reforestación levada a cabo principalmente desde mediados de século e algunhas matas de mimosas nas ladeiras máis soleadas. Deste xeito, a vexetación autóctona restrinxiuse a zonas moi localizadas, xunto aos aínda abundantes amieiros, freixos e salgueiros nas beiras dos cursos fluviais e as plantacións de chopos preto dos ríos.
Xeografía humana
A poboación da Limia perdeu efectivos desde 1887, o que se traduce nunha diminución de máis de 10.000 habitantes na última centuria. Polo tanto, os efectivos demográficos son un 70,4% dos de finais do s XIX, o que dá lugar a unha comarca débil en termos demográficos tanto pola incidencia da emigración como polo seu escaso dinamismo natural. Pero o retroceso demográfico desta comarca non é resultado dunha evolución continua, pódese sinalar o ano 1950 (data onde se acada o máximo poboacional, con 44.496 habitantes) como cambio entre un período de expansión e outro caracterizado pola continua perda de poboación. Durante a primeira fase de expansión pódense distinguir unha serie de etapas. Unha primeira vai desde 1887 ata 1910 e caracterízase por un crecemento feble pero sostido, que medrou a un ritmo interanual do 0,3% e compensou a dinámica vexetativa pola forte emigración daqueles anos; escaparon á tónica xeral só Rairiz de Veiga, Sarreaus e Xinzo de Limia. A esta etapa seguiulle outra de estancamento, que se estendeu desde 1910 ata 1920, onde o continxente demográfico ascendeu a un escasísimo 0,06%, tanto pola forte emigración como pola incidencia da gripe de 1918; nestes anos os concellos cunha dinámica máis positiva foron Calvos de Randín, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia. A seguinte etapa, comprendida entre 1930 e 1950, foi de moderado crecemento patente nun incremento interanual do 0,6% ao que só escapou Calvos de Randín. Neste positivo comportamento influíu a ralentización, cando non desaparición, da emigración ante a desfavorable conxectura deses anos (crise de 1929, Guerra Civil e a súa posterior posguerra e a II Guerra Mundial). A década de 1950 foi de forte decrecemento, exemplificado en taxas de crecemento interanual da orde do -0,7% ao reactivarse as correntes emigratorias cara a Latinoamérica; só escaparon a esta situación Sarreaus, Vilar de Barrio e Vilar de Santos, a de Baltar permaneceu totalmente estancada. Nas décadas de 1960 e 1970 o retroceso da poboación comarcal ralentizouse lixeiramente e continuaron os fluxos migratorios, esta vez cara ás rexións industrializadas españolas e cara aos países máis desenvolvidos de Europa. O ritmo de crecemento interanual foi do -0,4% e só se rexistraron incrementos demográficos en Baltar e Xinzo de Limia. A década de 1980 e principios da de 1990 foron de acelerado retroceso demográfico, os efectivos poboacionais caeron a un ritmo do -2,3% e non escapou desta dinámica ningún concello da comarca. Esta contracción demográfica foi especialmente dramática na década de 1980, cando algún concello perdeu máis da metade dos seus efectivos demográficos (Baltar). O resultado desta evolución déixase sentir desfavorablemente na súa estrutura por idades, que se caracteriza polo seu avellentamento. A nivel comarcal os menores de 20 anos tan só suman o 17,1% mentres que os maiores de 65 anos acadan o 29,1%, desequilibrio ampliado se tomamos como exemplo algúns concellos rurais como Baltar onde os segundos representan o 38,9% contra o 11,8% para os primeiros, ou Calvos de Randín onde, respectivamente, acadan o 40,0% e o 10,1%. Respecto á distribución da poboación por sexos, as mulleres cun 50,6% superan por moi pouco aos homes.
Xeografía económica
A agricultura é a segunda actividade da comarca, cun 31,7% dos ocupados, se ben existen diferencias intercomarcais (51,61% en Sandiás e 20,29% en Xinxo de Limia), e cun 73,5% da superficie agrícola utilizable. A produción agraria desta comarca cobrou un forte impulso coa desecación durante o franquismo da lagoa de Antela e a utilización destas terras para o cultivo da pataca, especialidade da comarca. Deste xeito, a pataca esténdese polo 34,8% da superifice cultivada, seguida en importancia de cereais como o centeo co 22,5% e o trigo co 13,4%, e cunha transcendencia limitada os cultivos forraxeiros (10,5%) e o millo (5,9%). Pola contra, o gando non ten unha excesiva relevancia para a economía comarcal patente na escasa superficie destinada a cultivos forraxeiros ou á limitada transcendencia dos prados e pastos (só o 26,5% da superficie agraria utilizable). O número de reses de gando bovino é tamén reducida, só 6.098 en 975 explotacións, o que dá un promedio de só 6,3 cabezas de vacuno por explotación. O escaso armentío vacúa destínase preferentemente á produción de carne (un 66,5% das vacas teñen ese aproveitamento) e só predomina a orientación leiteira en Sarreaus e Xinzo de Limia. Contrariamente, o gando porcino ten certa relevancia, contabilízanse 6.480 prazas reprodutoras e 35.755 de cebo, moitas delas en granxas. Os concellos cunha superior armentío porcina son, Xinzo de Limia, Os Blancos e Sarreaus. A industria é unha actividade pouco destacada, co 12,3%. As empresas son sempre pequenas e non rebasan os 20 traballadores, o único centro industrial cunha relativa importancia é Xinzo de Limia, onde destacan os numerosos areais dispersos polo antigo leito da lagoa de Antela. Das principais industrias, todas elas asentadas en Xinzo de Limia, destacan Forjados Real e Horfevi Aurelio e Hijos destinadas á elaboración de prefabricados de formigón, Gallega de Patatas centrada na manipulación de patacas, e Industrias Químicas Gallegas especializada na elaboración de pinturas e vernices. A estas engádese Marmoles y Granitos Villar de Santos, localizada en Vilar de Santos e destinada a manipulación e transformación da pedra. A construción xera un 15,6% da man de obra. A actividade inmobiliaria en Xinzo de Limia e en centros urbanos próximos, como Ourense e secundariamente Verín, atraen man de obra cara a este sector. Tamén é escasa a incidencia da obra civil como motor da construción neste territorio, onde só destaca Imafec, empresa de Xinzo de Limia cun cadro de persoal dunha ducia de traballadores. Os servicios son a principal actividade por número de traballadores, ao acadar o 40,4% dos ocupados na comarca, que en Xinzo de Limia supón o 51,37%, por ser o principal centro de servicios. Os restantes centros contan cun equipamento terciario que apenas cobre as necesidades máis básicas da poboación residente no medio rural. Deste xeito, e só coa competencia de Ourense e Verín, Xinzo de Limia polariza a vida da súa comarca ao contar cun equipamento de alcance comarcal (xulgados de primeira instancia e instrución, centros de educación secundaria, punto de atención continuada sanitaria e servizo de extensión agraria), ademais de numerosas oficinas de entidades financeiras, establecementos de prestación de servicios comercializables e unha variada oferta de establecementos comerciais con clientela do resto da comarca e, incluso, procedente de territorios do veciño Portugal.
Historia
Entre as lendas relacionadas coa lagoa de Antela, a máis destacada é a da cidade de Antioquía, na Limia, asolagada por idolatrar un galo. Ao longo da lagoa atopáronse restos de palafitas e crese que existiron polo menos tres poboados deste tipo. Ademais atopáronse tamén puntas de frechas de cuarzo do Eneolítico e consérvanse restos de castros anteriores á Idade do Ferro. Segundo o historiador romano Estrabón este espazo estaba poboado polos limicos e supuxéronse como restos da súa capital (a civitas limicorum) os situados no monte do Viso, preto da parroquia da Pena (Xinzo de Limia). A conquista romana foi relativamente temperá, xa que por aquí pasaron as tropas de Décimo Xuño Bruto, que rexeitaron cruzar o río Lethes, tamén coñecido como río do esquecemento, por medo á lenda que advertía que quen o cruzase esquecería a súa patria e a súa vida anterior. Da presenza romana consérvanse dous tramos da Via XVIII e é probable a existencia dunha mansión romana en Sandiás. A presenza musulmá nas terras da Limia non foi duradeira, pois o Rei Ordoño I afianzouse no territorio e Afonso III doou as terras á Igrexa de Ourense. Non obstante , no s X sufriu a razzia de Almanzor e a repoboación iniciouse no s XII. Desde o medievo foi escenario das loitas con Portugal e as terras foron invadidas polo Rei Afonso I Henriques de Portugal, que erixiu o castelo de Celme en Rairiz de Veiga. Para eliminar a influencia da Casa de Bragança creouse o Couto Mixto. Durante o s XV foi escenario das Guerras Irmandiñas, nas que Sandiás foi protagonista pola destrución da súa torre por Pedro Madruga. Durante a Guerra de Independencia de Portugal, existiron en Xinzo de Limia e noutras localidades depósitos e almacéns das tropas de Filipe III de Portugal. Posteriormente, o mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras acolleu, trala Revolución Francesa, a cregos que fuxían de Francia e que gozaron da protección do bispo de Ourense, Pedro Benito de Quevedo Quintana. Durante a Guerra da Independencia foi lugar de paso das tropas que se dirixían cara a Portugal. No Antigo Réxime, este territorio pertenceu á provincia de Ourense, repartida nunha serie de xurisdicións que dependían case todas elas da nobreza e da Igrexa. A primeira estaba representada fundamentalmente polo conde de Monterrei e contaba coas xurisdicións de Baltar, Rairiz de Veiga e Xinzo de Limia. Outro nobre cun papel destacado foi o conde de Lemos, coas xuridicións de Calvos de Randín e Torre de Portela de Limia. Outros nobres con xurisdicións na comarca eran o conde de Montezuma, coa xurisdición de Celme; o conde de Ximonde, rexida en colaboración cos veciños e algún fidalgo; o duque de Medina de Rioseco, coa de Sandiás; o conde de Maceda coas de Piñeiro de Arcos, Xolín e Maus; o marqués de Sierra, co couto redondo de Seiro; o marqués de Bóveda, coa de Bóveda de Limia; e o conde de Portillo, coa de Sabucedo de Limia. A Igrexa posuía un menor número de xurisdicións. Ao bispo de Ourense correspondíalle a de Porqueira e o bispo de Valladolid rexía a de Xunqueira de Ambía, a de Rebordechao e Cabo de Arnoia e, en colaboración co cabido da súa diocese, a de Arnuide. Ao arcediago de Varonceli correspondíalle a da Alberguería; á encomenda de San Marcos de León, integrada na orde de Santiago, a de Vilar de Santos; á tamén encomenda da Barca, así mesmo integrada na orde de Santiago, a de Codesedo e por último, ao mosteiro de Santa Clara de Allariz o couto redondo de Nocelo da Pena. Por último, destacar a xurisdición de reguengo de Güin e Castelaus. Coa reforma administrativa de 1835 consolidáronse os actuais concellos, coa singularidade do de Moreiras que subsistiu ata 1927, cando foi absorbido por Xinzo de Limia. Outra singularidade foi o resultado do tratado de límites de 1864 con Portugal que supuxo a absorción por parte de España dos pobos pertenecentes ao antigo Couto Mixto, o pobo de Maus pasou a Baltar e os de Rubias dos Mixtos, Santiago e Tosende a Calvos de Randín. Nun principio a meirande parte dos municipios pasaron a conformar o novo partido xudicial de Xinzo de Limia, só desaparecido entre 1965 e 1988, absorbido temporalmente polo de Ourense. Só permaneceu á marxe Vilar de Barrio, nun principio integrado no de Allariz, para pertencer en 1965 a Ourense e, finalmente (1988) quedar englobado no de Xinzo de Limia. Actualmente a condición de Xinzo de Limia como cabeceira de partido xudicial e a súa capacidade de organizar a vida desta comarca cohesiona este territorio. A súa condición de nó de comunicacións permite unha fácil conexión cos demais municipios, a excepción quizáis dalgunhas parroquias de Vilar de Barrio cuns medios difíciles debido á disposición do relevo. As doadas comunicacións con Ourense e Verín determinan a existencia dalgunhas áreas de indiferencia, ao acudir tanto a Xinzo como aos núcleos antes mencionados a efectuar as súas compras de bens especializados.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados destacan o menhir conservado na lagoa de Antela e o da Pedra Alta de Cortegada (Sarreaus), que conserva unha inscrición medieval cristiá, e o castro de Ouvigo nos Blancos. Da Via XVIII consérvanse numerosos miliarios espallados por todo o territorio como o de Piñeira de Arcos (Sandiás). Outro vestixio romano é a estela de Nocelo da Pena (Sarreaus). Da arquitectura relixiosa destacan as igrexas románicas de San Cibrao de Nocedo e Santa María de Guntín (Os Blancos), San Salvador de Vilar de Lebres (Trasmiras), San Xoán de Cortegada (Sarreaus) e Santa Mariña de Xinzo de Limia; a renacentista Santo Estevo de Sandiás e San Xoán de Rairiz de Veiga, con fachada renacentista, e as barrocas de San Vicente de Lobás e Santiago de Calvos (Calvos de Randín) e Santa María a Real de Porqueira; ademais do mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia). Da arquitectura civil destacan as torres de Fírveda, declarada Ben de Interese Cultural (BIC, 1994) e da Forxa en Porqueira, o castelo da Saínza (BIC, 1994) en Rairiz de Veiga ou a torre de Sandiás (BIC, 1994) e a fortaleza da Pena (Xinzo de Limia). Destacan tamén as pontes de Faramontaos (Xinzo de Limia) e a ponte vella da Forxa (Porqueira). Do patrimonio natural están recoñecidas como espacios naturais a serra da Pena (Calvos de Randín), as veigas do Limia e a Ponte Liñares (Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia) e o cadoiro de Fírveda (Porqueira). Das festas que se celebran na comarca destacan as romarías relixiosas das Dores (Os Blancos), San Bieito (Sandiás), a Virxe da Veiga (Porqueira) e a Virxe da Peneda (Calvos de Randín), a batalla de mouros e cristiáns na Saínza (Rairiz de Veiga) e o Entroido de Sarreaus e Xinzo de Limia, declarado este último Festa de Interese Turístico Nacional e protagonizado polas pantallas.