Limoges
Capital de Lemosín, Occitania, e do departamento de Alta Viena, Francia (133.968 h [1999]). Está situada na beira dereita do río Viena. Ten fábricas de tecidos, industria alimentaria, do calzado, do papel, de material eléctrico e ferroviario, e fundicións. O monumento máis importante é a catedral (ss XIII-XV). A antiga abadía de San Marcial foi un importante centro de produción de esmaltes na técnica do champlevé. Tivo o seu mellor momento nos ss XII e XIII. No s XVI foi creada unha manufactura real, onde traballaron importantes pintores. En 1768, o descubrimento de xacementos de caolín permitiu a súa explotación pola manufactura de Sèvres con vista á fabricación de porcelana de pasta dura semellante á de Meissen. Atópase á beira do Camiño Francés de peregrinación a Santiago de Compostela.