Lituania
Estado de Europa Setentrional que limita con Letonia ao N, con Bielorrusia ao L e ao S, con Polonia ao S e con Rusia e o Mar Báltico ao O (65.300 km2; 3.494.000 h [estim 2001]). A capital é Vilnius.
Xeografía
O relevo é chan, con pequenas elevacións ao L e O, típicas do glaciar. O dominio climático é de transición, de marítimo a continental. Os solos son de podzol e case un 6% é pantanoso. O río máis importante é o Nemunas, cos seus afluentes, Neris, Nevėžis, Dubysa, Merkys, Minija e Šešupe. Ten uns 3.000 lagos, case todos de orixe glaciario. A base da súa economía é a agricultura, onde destacan os cultivos da cebada, trigo, patacas e hortalizas. Tamén destaca a cría de gando bovino e porcino. Ten numerosos xacementos de turba e en 1968 descubríronse xacementos de petróleo e gas natural. Teñen grande importancia as augas minerais e termais. As ramas principais da industria son a construción de maquinaria, a química e a alimentaria. O transporte ferroviario e por estrada son os máis importantes, xa que a maior parte da poboación é urbana (67,2% [2000]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o lituano, que representa o 81,4% da poboación. Outros grupos son os rusos (8,2%), polacos (7%), bielorrusos (1,5%) e os ucraínos (1%). O 72,2% da poboación é católica e o 2,4% ortodoxa. A lingua oficial é o lituano, aínda que tamén se fala o ruso.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa o país entre os de desenvolvemento humano alto (47º posto mundial cun índice de 0’803). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 78 anos para as mulleres e de 68 para os homes; o índice de alfabetización de adultos é do 99,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 80%; e o PNB real por habitante é de 2.640 $ EE UU.
Goberno e política
É unha república independente da URSS desde o 6 de setembro de 1991. Segundo a Constitución, aprobada en referendo o 25 de outubro de 1992, é unha república democrática. O poder lexislativo reside no Lietuvos Respublikos Seimas (Parlamento), integrado por 141 deputados elixidos para un período de catro anos mediante un sistema mixto: 71 deputados elixidos en distritos electorais uninominais e 70 designados por un sistema proporcional. O poder executivo está presidido polo primeiro ministro, designado polo presidente e aprobado polo Lietuvos Respublikos Seimas. O presidente é o xefe do Estado, elixido directamente para un mandato de cinco anos cun máximo de dous consecutivos. Conta cunha serie de poderes, entre eles a designación e a destitución, ratificadas polo Lietuvos Respublikos Seimas, do primeiro ministro, dos ministros e do comandante en xefe das Forzas Armadas. O nivel máis alto do poder xudicial é o Lietuvos Auksciausiasis Teismas (Tribunal Supremo), formado polos xuíces designados polo Lietuvos Respublikos Seimas, e o Lietuvos Respublikos Konstitucinis Teismas (Tribunal Constitucional), integrado por nove xuíces que se ocupan de garantir a constitucionalidade das leis e teñen potestade para destituír os xuíces e o presidente. Existen ademais tribunais de distrito e tribunais administrativos rexionais. O sistema xudicial baséase no dereito europeo e a pena de morte non esta en vigor desde 1998. Os principais partidos políticos son: A. Brazausko socialdemokratinë koalicija (Coalición Socialdemócrata A. Brazauskas), integrado polos socialistas Lietuvos Demokratinë Darbo Partija (Partido Democrático dos Traballadores de Lituania, LDDP), os socialdemócratas Lietuvos Socialdemokratø Partija (Partido Socialdemocrático de Lituania, LSDP), Naujosios Demokratijos Partija (Novo Partido Democrático, NDP) e a minoría rusa Lietuvos Rusø Sàjunga (Unión Lituana Rusa, LRS); os liberais Naujoji Sàjunga (socialliberalai) (Nova Union, NS) e Lietuvos Liberalø Sàjunga (Union Liberal de Lituania, LLS); e os conservadores Tëvynës Sàjunga (Lietuvos konservatoriai) (Union Patriótica-Conservadores de Lituania, LK). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Estados do Mar Báltico, Consello de Europa, ERBD, OSCE, ONU e UE.
Historia
As orixes
Os lituanos, desprazados cara ao O polos eslavos, ocuparon a rexión do Nemunas no s X. Divididos en pequenas tribos, uníronse para enfrontarse coa expansión dos cabaleiros teutónicos e portaespadas. Durante o s XIII formáronse no país os grandes centros de poder: dunha banda a alta Lituania, arredor de Kernave, e por outra a baixa arredor de Žemaitija. O Príncipe Mindaugas (1239-1263) de Kernave reunificou o país baixo a súa autoridade e, durante o reinado do Príncipe Guedimín, constituíuse o gran Imperio Lituano, que se estendeu sobre Volinia, a Rusia Branca e chegaba ata Kiev (1320) e o Mar Negro. O Gran Príncipe Jogaila foi rei de Polonia (1386) e reuniu Polonia e Lituania nun só reino (Krewo, 1385). A independencia foi defendida polos duques lituanos, especialmente polos sucesores de Jogaila. Evanxelizada a comezos do s XV, desde ese momento a influencia polaca desprazou a de Rusia e Bizancio.
A repartición de Lituania: os dominios polaco e ruso
Os enfrontamentos entre lituanos e rusos sucedéronse sen interrupción entre os ss XV-XVI, ata que en 1569 se firmou a súa incorporación a Polonia. A pesar das reiteradas tentativas de separación por parte de Lituania, comezou un período de polonización e a partir de 1697 o polaco converteuse en lingua oficial. A consecuencia dos sucesivos repartos de Polonia (1772, 1793 e 1795), foi repartida entre Rusia e Prusia. Despois dunha breve emancipación como consecuencia das guerras napoleónicas (1812), iniciouse unha política de rusificación que se enfrontou coa resistencia da nova burguesía lituana e que provocou a insurrección de Koscinsako. A emancipación dos campesiños (1861-1865), o nacemento dunha burguesía autóctona e a actitude dos intelectuais permitiron un auténtico renacemento da vida nacional no s XIX. Conquistada polos alemáns durante a Primeira Guerra Mundial (1915), un consello nacional proclamou a independencia en 1918.
A república independente e o dominio soviético
A república foi recoñecida pola URSS, que conseguiu Vilnius en 1920. As forzas lituanas recuperaron Vilnius en 1923 e ocuparon Klaipėda. En 1926 accedeu ao poder Voldemaras (1926-1929), quen instaurou un réxime autoritario continuado por Smetona (1929-1939). Despois do pacto xermano-soviético, estivo baixo a influencia da URSS (1939). Formouse un goberno de orientación comunista e en 1940 celebráronse eleccións baixo a ocupación militar da URSS. Ocupada polos alemáns (1941-1944), trala guerra foi incorporada á URSS, que impuxo unha intensa política de rusificación. Na década de 1980 a perestrojka permitiu a eclosión do nacionalismo lituano. A secesión dos comunistas lituanos da URSS e o recoñecemento do lituano como lingua oficial (1988) marcou o camiño á independencia. En 1990, nas elección para o Soviet Supremo local, o Sajudis acadou a maioría e o seu líder, Vytautas Landsbergis, converteuse en presidente.
A independencia e a transición cara á UE
Despois do referendo de febreiro de 1991 proclamouse a independencia, pero URSS non aceptou e presionou a nova nación cun bloqueo económico. En agosto, o novo presidente ruso, Boris Jelcin, recoñeceu a independencia lituana. En febreiro de 1993, despois da derrota do presidente Vytautas Landsbergis, producíronse eleccións anticipadas onde foi elixido presidente Algirdas Brazauskas, do LDDP, e designou a Adolfas Slezevicius como primeiro ministro. Brazauskas emprendeu un programa de privatizacións. A diferenza das outras repúblicas bálticas, as minorías étnicas representaban menos do 20% da poboación no momento da independencia, polo que a súa conflitividade foi limitada. A política económica do goberno durante os anos seguintes, levounos ao fracaso nas eleccións municipais de 1995. En febreiro de 1996 o Parlamento destituíu o xefe do goberno acusado de prevaricación e Mindaugas Stankevicious converteuse no novo primeiro ministro. Nas eleccións parlamentarias posteriores, a Tëvynës Sàjunga acadou o poder, apoiándose na difícil situación económica, e formouse un goberno de coalición dirixido por Gediminas Vagnorius. En xaneiro de 1998, o candidato independente Valdas Adamkus venceu nas eleccións presidenciais. A crise económica da Federación Rusa, que se desencadeou en agosto, afectou a economía lituana. As críticas á xestión de Gediminas Vagnorius levaron á súa dimisión en abril de 1999, cando foi sustituído por Rolandas Paskas, do mesmo partido, ata a súa dimisión en outubro polas protestas masivas contra a venda do complexo petrolífero nacional á empresa estadounidense Williams International. O vicepresidente Andrius Kubilius (TS) pasou a dirixir o goberno e conseguiu aprobar un tratado de límites con Rusia. A recesión económica e a oposición popular ás privatizacións debilitaron a posición dos conservadores, que foron derrotados nas municipais de marzo de 2000. Nas parlamentarias de outubro a coalición gobernante foi derrotada por unha coalición socialdemócrata, liderada por Algirdas Brazauskas, xunto co LLS, que se converteu na segunda forza do parlamento. O 6 de xaneiro do 2003 o candidato dos liberais, Rolandas Paksas, acadou a vitoria nas eleccións presidenciais.