Lizarra
Municipio de Nafarroa situado no val do Ega, ao S de Iruña, á beira do camiño Francés de peregrinación a Santiago (13.024 h [2001]). É un núcleo comercial importante e ten unha área en proceso de desenvolvemento industrial, con industrias metalúrxicas de transformación, de artes gráficas, químicas e téxtiles. De orixe romana, adquiriu importancia comercial cando foi repoboada por Sancho Ramírez de Aragón e Navarra con colonos francos para protexer a Ruta Xacobea en 1090. Durante un tempo foi capital do Reino de Navarra. A cidade foi ocupada e fortificada polo pretendente Carlos María Isidro na Primeira Guerra Carlista. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa de San Pedro de la Rúa (s XII) e a igrexa de San Miguel. Dos edificios civís sobresae o Palacio Real, ou dos duques de Navarra, románico do s XII.