Lliga Regionalista

Lliga Regionalista

Partido político rexionalista catalán, de tendencia conservadora, fundado o 25 de abril de 1901 pola fusión de Unió Regionalista e do Centre Nacional Catalá, que acadou un gran prestixio entre a burguesía catalana. Estaba presidido por Bartomeu Robert i Ybarzábal e dirixido por políticos como Enric Prat de la Riba, Francesc Cambó e Ramón d’Adabal. Nos seus estatutos recollía como obxectivo unha profunda revisión constitucional que permitise a defensa da autonomía política e cultural de Catalunya dentro do estado español. Acadou bos resultados nas eleccións xerais e municipais de 1901, pero en 1904 o sector liberal escindiuse e posteriormente integrouse en Solidaritat Catalana. Apoiou o goberno de Maura durante a Semana Tráxica de Barcelona (1909), polo que perdeu parte dos seus seguidores. Despois da creación da Mancomunidade de Catalunya (1913) foi presidida por un dos líderes da Lliga, Prat de la Riba. A partir deste momento a Lliga defendeu a conquista do ideal iberista, baseado na federación dos pobos peninsulares. Nas eleccións de 1916 acadou o triunfo, pero a súa participación no goberno central en 1917 tróuxolle un certo desprestixio. Unha nova crise de goberno en 1918 excluíu a Lliga do poder e devolveuna á oposición, onde cooperou co movemento proautonomista de Catalunya (novembro de 1918). Despois de vencer nas eleccións de 1920, 1921 e 1922 produciuse a separación dun sector máis nacionalista que formou Acció Catalana (1922). A súa colaboración coa monarquía, que se prolongou durante a ditadura de Primo de Rivera, levouna aos sucesivos fracasos nas eleccións de 1931 e 1932.