Lloréns Díaz, Francisco
Pintor. Estudiou na Escola de Artes e Oficios da Coruña e en 1892 ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de Madrid. En 1895 asistiu por primeira vez á Exposición Nacional de Bellas Artes con Retrato e Capricho de Carnaval, e obtivo unha mención honorífica. Obtivo a terceira medalla con A aciñeira (1897) e a segunda medalla con Pastoral (1897) nas exposicións nacionais. En 1900 acadou a Pensión de Roma. En 1913 obtivo a cátedra de Debuxo Artístico e Calígrafía da Escola de Comercio de Barcelona e ao ano seguinte trasladouse a Madrid, onde presidiu a sección de pintura do Círculo de Bellas Artes. En 1915 obtivo a medalla de ouro na Exposición Universal con O val de Samoedo. En 1929 encargáronlle os frisos do pavillón de Galicia na Exposición Iberoamericana de Sevilla. As súas primeiras obras, retratos e cadros figurativos, mostraron o seu interese polo naturalismo e pola luz. Destacan Náufragos (1901) e os retratos realizados para a Deputación da Coruña (1908-1910). A influencia de Sorolla mostrouse en Os campesiños de Flandres (1905), onde realizou un estudo da luz solar e en que empregou o punto de vista baixo e descentrado. En Roma recibiu a influencia do luminismo, como en Capela de Saint Michel Capri. Pertencente á Xeración do 98, entendeu a paisaxe como o elemento definitorio de Galicia, polo que tratou de reflitir a alma na esencia da paisaxe. O modernismo reflectiuse no debuxo minucioso e na pincelada pouco pastosa. Co paso do tempo desapareceu gradualmente o grafismo. Foi correspondente da Real Academia Galega (1929), académico da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1942), socio de honra do Círculo de Bellas Artes (1943) e académico de honra da Real Academia Galega (1944). Recibiu a Gran Cruz da Orde de Carlos III (1925) e a Gran Cruz da Coroa de Bélxica (1929).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Madrid