Llull, Ramon

Llull, Ramon

Escritor, filósofo, místico e misioneiro. Creador do lulismo, foi senescal de Xaime II de Mallorca. En 1274 escribiu Libre de contemplació e Art compendiosa d atrobar la veritat, dúas das obras máis representativas do seu pensamento filosófico. Denunciou os erros dos infieis e demandou a fundación de mosteiros e centros de formación de misioneiros en que se ensinasen as linguas dos infieis, para poder predicar a verdade cristiá. Desenvolveu un labor misioneiro en diversas expedicións pola costa S do Mediterráneo e puxo en práctica o seu proxecto en París, Nápoles, África e Tunes. Concibiu unha gran cruzada pero, aínda que o Concilio de Viena (1311) recolleu algunhas das súas propostas, non conseguiu o éxito esperado. A súa doutrina evolucionou no aspecto didáctico e con este fin simplificou a Ars magna primitiva ata chegar á Ars generalis ultima (1308). Os seus primeiros escritos filosóficos buscaron unha sistematización de ideas que iluminase a mente do infiel. Destacaron Art abreujada d atrobar veritat, Art demostrativa (1283), Taula general (1293), Lògica nova (1303) ou Ars Dei (1308). Tamén Art de contemplació (1282-1287) ou Art amativa (1289), de forma que, dentro da produción lulista, as obras filosóficas non se disociaron doutras de carácter enciclopédico (Libre de meravelles, 1288), contemplativo, místico (Libre de Santa Maria, 1290; Libre d amic e amat, 1276) ou incluso narrativo (Libre de contemplació, 1274; Arbre de filosofía d amor, 1298). O carácter didáctico domina en Libre de l orde de cavalleria (1275), Tirant lo Blanc (1490) ou Libre del gentil e los tres savis (1276). A súa obra literaria está escrita fundamentalmente en catalán -desde o s XI considerouse o primeiro gran creador da lingua e literatura catalanas-, en árabe e no latín rudimentario que coñecía; as obras rimadas, en cambio, foron compostas nun provenzal moi catalanizado. Destaca a súa autobiografía Vida coetània (1311). A Igrexa concedeulle o título de beato.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Palma de Mallorca

  • Deceso

    Lugar : Palma de Mallorca