localización

localización

(

  1. s f

    Acción e efecto de localizar ou localizarse.

  2. s f [ECON/XEOG]

    Factor que expresa a relación de calquera feito xeográfico con outros, en función da súa situación no espacio. Expresa as condicións que presenta calquera emprazamento respecto ás funcións que se cumpren. Fai referencia ás condicións que determinan a elección dun lugar e non doutro, para establecer un cultivo, unha industria ou unha cidade. Inicialmente as condicións adoitan ser favorables, pero os cambios económicos, a multiplicación das relacións e os cambios sociais poden chegar a anular estas vantaxes, e mesmo, obrigar a loitar contra os inconvenientes dunha mesma localización. Feito eminentemente xeográfico, enmarcou tradicionalmente todos os estudios de xeografía como primeiro factor, considerado ás veces determinante. A introdución do librecambismo e o crecemento do valor do solo, sen embargo, fixeron que os economistas se interesasen no seu estudio, e chegaron a elaborar unha teoría da localización. Os seus precedentes sitúanse nos estudios de localización na agricultura de Von Thünen (1826), nos teóricos de Marshall de 1890 e nos de localización industrial, recollidos por Weber en 1909. Máis recentemente os xeógrafos e os economistas da escola cuantitativa (Bunge, Berry e Garrison) desenvolveron a teoría arredor dos lugares centrais, estudiados por Lösch e Christaller no cuarto decenio do s XX. A base teórica que permitiu a formulación desta teoría foi a posibilidade de cuantificar o factor mediante as rendas do solo e o custo do transporte como medida das distancias.

Palabras veciñas

localismo | localista | localizable | localización | localizador -ra | localizar | Locarno, Acordos de